Unha axenda cargada de eventos para celebrar o Día Internacional da Muller en Cervo
O Concello de Cervo prepara unha axenda cargada de eventos para celebrar o Día Internacional da Muller a fin de semana do 10, 11 e 12 de marzo.
As actividades contan coa organización da delegación de Muller e Igualdade, que dirixe Pilar Armada, e as diferentes asociacións de mulleres do municipio: Asociación de Mulleres de San Ciprián, Amas de Casa “Alborada”, Mulleres Rurais “As Espalladoras” e Mulleres en Igualdade de Cervo.
O venres, día 10 de marzo, Tito Rober amenizará a tarde a partir das 19:30 horas cun divertido monólogo no Auditorio da Casa da Cultura e a xornada rematará coa presentación do reportaxe “As mulleres de Cervo”, unha homenaxe en forma de vídeo ao incesante traballo de varias das mulleres do municipio.
O sábado 11 terá lugar a xa tradicional cea do Día Internacional da Muller, no restaurante O Noso Lar ás 22:00 horas. Todas aquelas mulleres do concello que desexen asistir poderán recoller os tíckets dispoñibles no propio local ata o xoves 9 de marzo. Na cea farase entrega dos trofeos ás gañadoras dos campionatos de tute e parchís que se están a xogar dende o mes de xaneiro, así como un sorteo de agasallos cedido polas asociacións. A xornada rematará con baile na Casa do Mar, a cargo do Dúo Estrellas.
A fin de semana terminará por todo o alto o domingo 12 de marzo ás 19:00h co Kararoke pola Igualdade -organizado por primeira vez no Concello de Cervo- no Auditorio da Casa da Cultura. Unha actividade que aposta polo valor á figura feminina na música coa condición de interpretar temas compostos ou popularizados por mulleres.
O xurado -composto por un representante de cada unha das asociacións de mulleres do municipio- será o encargado da valoración dos participantes que poderán optar aos distintos galardóns: dous premios á mellor voz e un premio á mellor caracterización nas categorías “peques”, “júnior” e “veteranos”.
O Concello de Cervo anima a todos/as os habitantes do municipio a que se sumen aos diferentes actos programados nesta xornada e participen no Karaoke pola Igualdade como homenaxe á figura da muller e apoio á loita pola igualdade.