Unha ampla manifestación polo futuro de A Mariña
Hoxe domingo 17 de outubro saiu unha vez máis á rúa a veciñanza da Mariña para amosar o seu apoio aos traballadores de Alcoa e de Vestas así como ao futuro da comarca da súa industria, infraestructuras e sanidade.
Esta mobilización que saiu dende a Cruz Vermella de Viveiro xunto a milleiros de veciños e traballadores, así como a políticos que piden solucións para a crise da Mariña lucense.
Ecar, Maderas Lorenzo, ECESA, Gres Burela, IPV, Macesa, Conservas Alonso, Muebles Hermida, Alcoa, Vestas son algúns dos exemplos mais chamativos, pero detrás hai outras moitas pequenas empresas que pecharon as portas, moitos comercios e autónomos que tiveron que baixar a persiana.
Lémbrase que o mércores 20 de outubro o Tribunal Supremo reunirase para decidir sobre a sentenza do xuízo do ERE de Alcoa, así lembran a toda a comarca que ese día haberá unha concentración diante da fábrica cervense.
"Esta comarca é o motor económico da provincia, xeradora de riqueza e emprego en sectores como a pesca, a madeira, o agro, os servizos, o turismo e, nas últimas décadas, na industria do aluminio, leva décadas clamando no deserto", din dende a CIG.
A Mariña “padece un abandono histórico e sistemático por parte das distintas administracións públicas e os distintos gobernos que se suceden en Madrid, Santiago e mesmo en Lugo”, dixeron dende a CIG.
A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a delegación do BNG que participou e na que reclamou a Xunta e Goberno central solucións urxentes para a grave crise que “leva demasiado tempo sufrindo a comarca, con peches de empresas e perda de emprego industrial” e que, segundo recalcou, provocou a perda “na última década máis de 1.000 empregos na industria”.
Dende o PsdeG na provincia de Lugo apoiaron tamén as reivindicacións polo futuro da Mariña e lembran que xa presentaron no Parlamento de Galicia unha proposta para “non deixar morrer á Mariña”, e reclamar así “un plan de industrialización da Comarca, potenciar o turismo, apoiar ao pequeno comercio e aos autónomos así como o sector da hostalería”, remarcan.
A presidenta provincial do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, xunto con alcaldes e portavoces populare participaron tamén e Candia sinalou con rotundidade que o Goberno, "presidido polo socialista Pedro Sánchez, ten que deixar de boicotear esta comarca e cumprir os compromisos adquiridos. É preciso", asegurou, "un cambio na política enerxética do Goberno central, para poñer freo o desmantelamento industrial da comarca".
A Plataforma Sanitaria da Mariña apoia e adhírese a manifestación e animan a "todos os veciños a que saian de xeito masivo á rúa, para volver a reclamar as demandas non atendidas durante anos e que se materializaron nunha manifestación multitudinaria, que percorreu as rúas de Burela en xuño do ano pasado". Este colectivo acredita en que a loita sen tregua é a única forma de lograr cambios , e por iso “chamamos a toda a poboación desta comarca a encher as rúas de Viveiro o próximo domingo para, nunha soa voz , reclamar das administración públicas o mantemento dos postos de traballo, da industria e dos servizos públicos, ao tempo que se dota a este territorio dunhas infraestruturas dignas do século no que nos atopamos”- conclúe Montse Porteiro, coordinadora do colectivo sanitario.