Unha achega do Mitma axudará a acondicionar a Casa do Concello da Pontenova
As obras consistiran na mellora do illamento térmico da fachada, a renovación da carpintería exterior, substitución do alumeado, instalación dunha caldeira para a calefacción, así como o repintado das estancias e renovación das baixantes e dos canlóns exteriores.
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, xunto ao alcalde da Pontenova, Darío Campos, supervisou as actuacións que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) vai financiar con 305.000 euros para melloras na eficiencia enerxética e o acondicionamento das oficinas da Casa do Concello. Estes fondos do Goberno proceden da convocatoria en concorrencia competitiva da Liña 1 do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP Local), incluído no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
“Estas actuacións amosan o compromiso e sensibilidade do Goberno de España na mellora dos servizos públicos dos concellos do rural” destacou a subdelegada quen sinalou que “o reto demográfico é unha aposta inalienable deste Executivo, por iso seguimos desenvolvendo proxectos que manteñan a actividade nestes municipios, tendo como fin a igualdade de oportunidades e a mellora da calidade de vida da súa veciñanza”.
Durante a visita ás instalacións do Concello da Pontenova, Rodríguez salientou o papel que desempeñan os concellos “para facer as nosas cidades e pobos máis amables e sostibles”. Así, detallou as obras que se realizarán na casa consistorial con cargo a este plan estatal e que estarán rematadas, previsiblemente, a mediados de 2024.
Concretamente, as actuacións consistiran na mellora do illamento térmico da fachada cun panel ríxido de polistireno expandido, a renovación da carpintería exterior, substitución das luminarias existentes de todas as plantas por lámpadas LED de baixo consumo, instalación dunha nova caldeira para a calefacción, así como o repintado de todas as estancias e renovación das baixantes e dos canlóns exteriores.
Estas obras axudarán a mellorar a eficiencia enerxética e a sustentabilidade ambiental, garantindo a redución de máis do 35% do consumo de enerxía primaria non renovable, a accesibilidade, a habitabilidade e a conservación deste edificio público municipal explicou Rodríguez.
Isabel Rodríguez felicitou ao rexedor pola consecución desta axuda, “que é un exemplo de como as administracións poden e deben camiñar da man polo futuro dos pobos e das parroquias de Galicia”.
Máis de 3,2 millóns na provincia
Neste eido, Isabel Rodríguez informou que o Executivo Central destina un investimento total de 3.271.062,96 euros na provincia a proxectos de rehabilitación de locais públicos de titularidade municipal en 7 concellos. Ademais, da Pontenova, son Vilalba, Antas de Ulla, Portomarín, Rábade, Pol e A Fonsagrada.
A subdelegada destacou a repercusión deste plan posto en marcha polo Goberno e “o importante papel que ten para a mellora e recuperación de edificios públicos, beneficiando directamente aos máis de 26.000 veciños e veciñas que viven nestas localidades".
Ao mesmo tempo, puxo en valor a dimensión social do programa, xa que todos os edificios que se van a rehabilitar no marco desta convocatoria destínanse a uso administrativo, educativo, cultural ou deportivo.