Unanimidade no Parlamento para a intervención temporal de Alcoa

AMariñaXa
Alcoa celebrará unha nova reunión da mesa multilateral na que se informa do avance da negociación da venda planta de Aluminio.
alcoa vista google
15 Jul 2021

Alcoa celebrará esta tarde unha nova reunión da mesa multilateral na que se informa a todas as partes do avance da negociación da venda planta de Aluminio.

Mentres as partes esperan a posta ao día da situación, o Parlamento aprobou por unanimidade unha proposición de lei do BNG na que se demanda ao Goberno nacional a intervención temporal, aínda que sex transitoria a través da Sepi.

A proposición non de lei do BNG, pola que tamén se insta ao Executivo galego a reclamar ao estatal a participación de ámbalas dúas administracións no proceso de intervención, foi defendida polo portavoz de Industria, Mon Fernández, quen explicou que con esta proposta “o que solicita o BNG a este Parlamento é unha nova manifestación de vontade política a favor dunha solución definitiva e inequívoca para a fábrica de San Cibrao”.

“Unha solución que pasa necesariamente pola intervención da SEPI”, recalcou, logo de recriminar a actitude do Goberno estatal que decidiu agora negar dita intervención, cando os acordos adoptados neste sentido no Parlamento galego, no Congreso, na Deputación de Lugo e en todos os concellos da comarca “foron sempre mediante votacións unánimes a favor”.

Logo de referirse aos precedentes de Alcoa nas fábricas da Coruña e Xixón, Fernández apelou á obrigada “vontade política, decisións claras e solucións”, máis xusto agora, cando “á luz destes acontecementos, parece máis necesaria esa intervención pública para poder espantar os fantasmas e os temores”, polo que considerou a negativa do Executivo central como “un caneco de auga fría”.

“O persoal da fábrica e a xente da Mariña non merece este trato”, afeou, logo de poñer en valor a loita que mantén a sociedade de toda a comarca dende hai 400 días para asegurar o futuro da fábrica en San Cibrao. “Non podemos consentir agora que o Goberno do Estado se descolgue da solución e deixe tirada a toda unha comarca; o Goberno do Estado debe estar dando solucións, non enredando”, advertiu.

Neste sentido, Fernández amosou as reservas do BNG respecto da posición que finalmente levará a ministra a Pitsburg, polo que considerou moi necesaria a nova manifestación do Parlamento galego a favor da intervención xa que, segundo subliñou, “será a mellor mostra de cal é a posición en Galiza e na Mariña de cal debe ser a posición do Goberno do Estado a este respecto”.

“Estamos pola intervención, si, aínda que sexa temporal, para evitar os problemas provocados por solucións intermedias e fallidas xa probadas nas fábricas da Coruña e Xixón”, afirmou para engadir a continuación que a intervención é unha solución que está dando froitos en Italia ante un problema semellante, precisamente coa mesma empresa.

De igual xeito, o deputado nacionalista apuntou a esta saída ante o carácter estratéxico da planta e pola obriga do Goberno estatal de protexer o investimento e os recursos entregados ás diferentes empresas que foron titulares das fábricas da Mariña. “E estamos pola intervención porque os galegos e galegas tamén temos dereito a que os gobernos se impliquen na resolución dos nosos problemas, porque cos nosos cartos rescátanse bancos e autoestradas e con eles vanse pagar os fondos que cheguen da UE; así que temos todo o dereito, tanto como o que máis, a que os gobernos utilicen os instrumentos e os recursos públicos na solución dos nosos problemas”, rematou.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1520459651947