Un veciño de Viveiro alerta das dificultades para acceder á sanidade e á vivenda na Mariña

Un veciño de Viveiro fixo pública unha reflexión na que describe as dificultades cotiás ás que se enfrontan moitas persoas que decidiron instalarse na Mariña lucense, sinalando a falta de acceso á sanidade e os problemas para atopar vivenda estable como dous dos principais elementos que están a desgastar o tecido social da comarca.
Na súa carta, explica que chegou a Viveiro hai catro anos procedente de Fuengirola, tras cruzar España para aceptar un posto de bolseiro relacionado coa Oceanografía, formación que completara cun máster en Acuicultura. Segundo relata, fixo vida no municipio, adaptouse ao clima, consumiu no comercio local, traballou e pagou os seus impostos coa idea clara de quedar e construír o seu futuro na zona.
Porén, co paso do tempo, asegura que foi detectando unha deterioración progresiva dos servizos básicos, unha situación que, segundo indica, non se produce de maneira brusca, senón silenciosa, ata converterse en algo habitual. O exemplo máis evidente, ao seu xuízo, é o acceso á atención sanitaria primaria. O autor da carta explica que conseguir unha cita co médico de cabeceira, realizar analíticas ou recibir un seguimento básico converteuse nun proceso cheo de obstáculos.
Relata que no pasado mes de decembro quedou sen a súa doutora habitual e que no centro de saúde se lle informou de que só están operativos cinco dos dez médicos previstos. Esta falta de persoal, sinala, tradúcese en citas que se atrasan, consultas que se cancelan e recomendacións constantes de volver outro día. O pasado 11 de febreiro, segundo conta, intentou pedir cita para unhas analíticas e atopouse con que non había dispoñibilidade nin sequera para o mes seguinte.
Na súa reflexión, deixa claro que non responsabiliza nin ao persoal médico nin ao administrativo, aos que agradece o trato recibido, e sitúa o problema nunha cuestión estrutural, derivada da falta de recursos humanos e da incapacidade do sistema para absorber a demanda existente.
A carta tamén recolle a súa experiencia persoal cun proceso médico prolongado. Leva de baixa desde febreiro de 2025 e lembra que, tras acudir en varias ocasións ao Hospital de Burela por unha dor persistente, non se lle realizou ningunha proba diagnóstica específica. Finalmente, tivo que recorrer á sanidade privada, coa axuda económica da súa familia, onde se lle detectou un quiste óseo de grandes dimensións. A intervención realizouse posteriormente na sanidade pública, pero continúa á espera de seguimento, tras presentar varias reclamacións.
O autor subliña a paradoxa que supón que unha persoa que quere reincorporarse ao traballo non poida facelo por falta dunha cita médica que permita avaliar o seu estado e tramitar a alta, o que, segundo expón, acaba xerando un custo económico prolongado tanto para o sistema público como para as empresas.
Xunto á sanidade, a vivenda é outro dos factores que sinala como determinantes. Afirma que atopar alugueiro estable en Viveiro é cada vez máis complicado, xa que moitas vivendas se destinan unicamente á tempada de verán ou a eventos puntuais, permanecendo baleiras o resto do ano. Esta realidade, indica, provoca unha poboación cada vez máis temporal e unha perda progresiva de vida nos barrios.
A carta conclúe cun chamamento a abrir un debate sereno sobre estas cuestións, advertindo de que os pobos non se baleiran de golpe, senón pouco a pouco, cando quen apostou por eles deixa de atopar condicións mínimas para quedar.