Un total de 143 mulleres e 92 menores foron acollidos en Galicia por violencia de xénero

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Un total de 143 mulleres e 92 menores foron acollidos na rede galega de acollemento para vítimas da violencia de xénero en Galicia
violencia xenero
21 Feb 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo unha xuntanza de seguimento da Rede galega de acollemento para vítimas da violencia de xénero para facer balance da súa actividade en 2022 e mellorar a resposta institucional ás mulleres afectadas por esta lacra. Durante o ano pasado residiron nalgún dos recursos da rede un total de 235 persoas, 143 mulleres e 92 menores, cun promedio de ocupación dos recintos próximo ao 60%.

Galicia conta na actualidade con sete recursos de acollemento (casas de acollida, vivendas tuteladas e un centro de emerxencia) situados nas localidades da Coruña, Vigo, Ourense, Ferrol, Lugo, Burela e Chantada, nos que se ofrecen 84 prazas.

Un total de 82 mulleres soas utilizaron este recirso o ano pasado, mentras que 61 trasladáronse con menores ao seu cargo. Entre as usuarias, case a metade (75) tiñan nacionalidade española e o resto (68), estranxeira. En canto á idade, case o 63% contaron con idades comprendidas entre os 26 e os 45 e un total de 113 (79%) mantiñan relación de convivencia co agresor no momento do acollemento. A rede recibiu un total de 14 mulleres con algunha discapacidade durante 2022.

A canle de derivación aos recursos residenciais que brinda a Xunta de Galicia ás mulleres vítimas é a través dos Centros de Información á Muller (CIM), como foi no caso de 60 das 143 usuarias. Tamén os corpos policiais, os xulgados, servizos sociais, os hospitais ou outras comunidades promoven estes traslados.

A Rede galega de acollemento está consolidada na comunidade como recurso especializado e temporal que ofrece residencia, atención e recuperación ás mulleres que sofren violencia de xénero e ás e aos menores ao seu cargo que requiren un espazo de protección. Os centros garanten un tratamento integral de atención e/ou de recuperación, que abrangue aspectos psicolóxicos, educativos, sociolaborais e xurídicos e favorecen a normalización da situación persoal das mulleres, da súa unidade familiar e a superación dos efectos da violencia. Estes recursos habitacionais están previstos tamén no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero referendado pola comunidade galega para mellorar na resposta que, desde as institucións, se proporciona ás mulleres vítimas e ás súas fillas e fillos menores.

Desde 2009, un total de 3.509 persoas (1.942 mulleres e 1.567 menores) foron atendidas polos centros da Rede de Acollemento para vítimas da violencia de xénero. Entre 2009 e 2022, a Xunta terá destinados más de 4,8 millóns de euros a garantir o funcionamento e a continuidade destes recursos imprescindibles como paso previo á vida autónoma.

0.072187900543213