Un total de 126 persoas participaron na segunda edición de Orienta Ribadeo
Un total de 126 persoas en 34 equipos participaron o pasado domingo na segunda edición de Orienta Ribadeo, unha actividade de aventura familiar que gustou moito aos asistentes.
Os participantes percorreron a pé unha distancia variable, intentando localizar unha serie de puntos de control ou balizas e superando diversas probas, tanto físicas como de coñecemento. O tempo máximo para realizar a proba foi de dúas horas e media e os equipos deberon acadar o maior número de puntos posibles decidindo libremente a orde de busca e o ritmo a seguir (andando ou correndo), non sendo obrigatorio o paso por todos eles, polo que a condición física ou idade non foron o relevante, o importante foi o factor estratéxico, a toma de decisións e o traballo en equipo.
Os gañadores da segunda edición de Orienta Ribadeo foron As Rockettes, Os Periquitos e Equipo Cantarín.
Desde a Concellaría de Mocidade subliñan que “esta nova edición de Orienta Ribadeo foi un éxito. Queremos dar as grazas a todas as persoas que se inscribiron e que participaron, a pesares de que a chuvia estivo presente en varios momentos do pasado domingo”.