Un proxecto ribadense é o único da provincia elixido para a creación de espazos de tecnoloxía aplicada
Presentáronse cerca de 50 centros de toda Galicia con máis de 60 proxectos, porque cada centro pode presentar máis dun, e concederon 14 pois era a dotación que tiñan prevista. O CIFP Porta da Auga é o único da provincia de Lugo ao que lle concederon esta axuda.
Un proxecto presentado polo departamento de Electricidade do Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga, de Ribadeo, é o único da provincia de Lugo dos 14 elixidos pola Xunta de Galicia para a creación de espazos de tecnoloxía aplicada. Grazas a esta iniciativa neste centro educativo ribadense farán unha instalación solar para autoconsumo e colocarán puntos de recarga para vehículos eléctricos.
O xefe do departamento de Electricidade do CIFP Porta da Auga, Benito Fernández Rey explicou que “é unha convocatoria da Xunta de Galicia, concretamente da Consellería de Educación, para espazos de tecnoloxía aplicada, que consiste nunha mellora das aulas taller dos Centros Integrados de Formación Profesional e IES; estaba dirixida a estes centros de Secundaria. A dotación é de 55.000 euros por centro ao que lle foi concedida. Presentáronse cerca de 50 centros de toda Galicia con máis de 60 proxectos, porque cada centro pode presentar máis dun, e concederon 14 pois era a dotación que tiñan prevista. O CIFP Porta da Auga é o único da provincia de Lugo ao que lle concederon esta axuda”.
Benito Fernández engadiu que “neste centro o proxecto consiste basicamente en dous aspectos relacionados coa electricidade que están moi en boga e nos cales se espera que haxa moita demanda de emprego: as instalacións solares fotovoltaicas para autoconsumo e os puntos de recarga de vehículo eléctrico. Entón o proxecto que fixemos nosoutros para mellorar dúas aulas taller de Electricidade consiste basicamente nestes dous aspectos: colocar puntos de recarga de vehículo eléctrico e facer unha instalación solar de autoconsumo, que irá nas proximidades dos talleres, orientadas cara ao sur, como ten que ser, duns 6 kilovatios. Estas dúas instalacións teñen dous obxectivos basicamente, que son a formación do alumnado e tamén van servir para recargar vehículos eléctricos de persoal do centro e para autoconsumo das instalacións do Porta da Auga, co cal vai supoñer unha redución no consumo e no gasto de enerxía que ten o centro, aparte da mellora en formación”.
O director do CIFP Porta da Auga, Isidro Berdeal, comentou que “por parte da dirección do centro o que fixemos foi trasladar a convocatoria que recibimos da Consellería e o xefe do departamento de Electricidade, Benito, colleuno de moi bo grado, preparou o proxecto desde cero e vai ser tamén o encargado, evidentemente, de darlle forma e poñelo a funcionar. Hai que agradecerlle o compromiso que ten co centro en todo momento”.