Un paso máis na oficialización do Camiño do Mar
A Asociación Amigos do Camiño do Mar de Viveiro consegiu o ansiado recoñecemento por parte da Igrexa a cal fai oficial o Camiño do Mar pola costa e que dará a compostela aos peregrinos que realicen esta ruta de peregrinaxe.
O presidente da asociación, Manuel Vicente González, fixo un gran traballo durante todos estes anos, de investigación e recompilación de documentación referente ao Camiño do Mar para conseguir a oficialización desta ruta.
“Este recoñecemento por parte da Igrexa é un primeiro paso moi importante, polo que entendemos que agora a Xunta debe axilizar a súa tramitación para oficializar por fin o Camiño do Mar”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
Neste momento, o Concello de Viveiro atópase á espera de ser recibido polo director Xeral de Patrimonio Cultural ou co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade coa finalidade de apoiar e impulsar esa oficialización e de coñecer, asemade, o estado no que se atopa a súa tramitación.