Un paseo peonil comunicará a antiga fábrica de Sargadelos coa actual
Esta actuación vai permitir crear unha vía de comunicación segura entre estas dúas localizacións, que son dous símbolos do municipio declarados Ben de Interese Cultural.
O Concello de Cervo vai crear un paseo peonil que comunique a Antiga Real Fábrica de Fundición de Sargadelos coa actual Fábrica de cerámica.
O alcalde, Alfonso Villares, a tenente alcalde, Dolores Gacía Caramés, e a concelleira de Obras e Infraestruturas, Mali Méndez, desprazáronse ata o lugar da actuación para manter unha reunión co pedáneo de Sargadelos, Luis Peña, e explicarlle con detalle a execución desta pasarela, que vai comunicar estes dous puntos neurálxicos do municipio.
O obxectivo principal desta actuación é o de separar o tráfico peonil do rodado, o que supón unha remodelación integral do vial, establecendo unha nova cuneta de formigón cos seus respectivos desaugues e cruces da vía.
Tamén se vai a renovar a rede de abastecemento de auga, propiciando a conexión coa actual fábrica de Sargadelos.
Establecerase – ademais – unha rede de alumeado público, respectuosa coa paisaxe, entre os dous puntos, executando as canalizacións, o cableado e as luminarias precisas para ofrecer este servizo. Por último, soterrarase o cableado existente na actualidade da rede de telefonía e renovarase a pavimentación dos tramos afectados pola obra.
O orzamento desta execución elévase ata os 499.887 euros, financiados na súa totalidade polo remanente das arcas municipais.
Alfonso Villares declarou que “con esta actuación, que está financiada por fondos procedentes do remanente, pretendemos mellorar a seguridade, o benestar e a calidade de vida da nosa veciñanza, creando un espazo público de calidade na parroquia de Sargadelos”.
“Este paseo peonil permítenos – tamén - incrementar o atractivo desta zona que, lembremos, comunica dous emprazamentos declarados Ben de Interese Cultural” apuntou o alcalde.
Por último, o rexedor engadiu: “seguro que esta senda incrementará exponencialmente o número de visitantes atraídos pola riqueza do patrimonio histórico e natural existente na zona”.