Un Nadal cheo de actividades ata o 15 de xaneiro en Foz

Foz
AMariñaXa
Despois do acendido das luces de Nadal, que enchen Foz de luz e cor, achéganse as vacacións dos máis pequenos e a Delegación de Cultura do Concello de Foz preparou unha programación para que gocen da ilusión destas festas e compartan momentos de ledicia e diversión tamén cos maiores, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.
21 Dec 2022

Despois do acendido das luces de Nadal, que enchen Foz de luz e cor, achéganse as vacacións dos máis pequenos e a Delegación de Cultura do Concello de Foz preparou unha programación para que gocen da ilusión destas festas e compartan momentos de ledicia e diversión tamén cos maiores, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.

Esta semana chega Papá Noel e para amenizar a espera o xoves 22 a partir das 20 horas a Escola de Música Municipal Arcadio Mon organiza o seu festival de Nadal no salón de actos do colexio Martínez Otero: poderanse ver as actuacións das nenas e nenos das clases de música en movemento, prebanda, aula coral e a orquestra de jazz. O sábado 24 pola mañá Papá Noel fará parada en Foz e estará acompañado polas rúas da vila dos nenos dos coros da Escola de Música, que cantarán pola Avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro. Poderase visitar a Papá Noel a partir das 12 da mañá na súa casiña, situada na praza do Concello.

A semana do 26 ao 31 de decembro está chea de actividades. Modíficase a tradicional ubicación das mesmas, da Sala Bahía ao pavillón do colexio Nº1. O luns 26 e o martes 27 haberá inchables, talleres e o tren infantil. O mércores 28 chegará a barredora wipe out e haberá un personaxe de Disney tamén. Estes días o horario será de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas. O mércores 28 tamén teremos teatro, no salón de actos da casa da cultura ás 12 horas poderase ver a función Fazulas e o ladrón de paraugas, da compañía Bandullo azul. O xoves 29 e o venres 30 chega a hora do nerf battle arena, un inchable con xogo de estratexia para nen@s maiores de 7 anos que estará no mesmo pavillón en horario de 16.30 a 20 horas .

O venres 30 a Banda de Música de Foz ofrecerá o seu tradicional concerto de Nadal, que será no pavillón do colexio Martínez Otero ás 20 horas.

Este concerto “contará con colaboracións especiais doutros artistas da vila e coa visita duns personaxes moi coñecidos. Para descubrir máis non deixes de acudir”, destaca a edil de Cultura, quen tamén anuncia que “o sábado 31 ás 12 da mañá na praza do Concello a Escola de Música ofreceranos o seu concerto de fin de ano. Este 2022 o grupo de jazz da escola será o encargado de amenizarnos a despedida do ano”.

Inés López Couto engade que “xa no 2023 o ano comezará con diversión o día 2 de xaneiro no pavillón do colexio nº1 coa lasertag experience. Se queres participar só tes que ir entre as 16.30 e as 20 horas. Lembra que as actividades dos días 29, 30 e 2 requiren de grupos, que se poderán formar alí ou que podedes levar formados se ides entre amig@s”.

O xoves 5 chegarán os Reis Magos e a cabalgata volverá  ter o seu formato habitual. Sairá da praia da Rapadoira ás 18.30 horas, percorrendo as rúas de Foz e facendo unha pequena recepción no Concello, onde os reis saudarán dende o balcón, para continuar percorrido ata o pavillón do colexio nº1, onde se fará unha recepción con chocolate e xogos.

O sábado 7 Os Bolechas farán parada en Foz co seu espectáculo A bruxa Befana, ás 18.30 horas no pavillón do colexio nº1.

O domingo 15 actuará a compañía Teatro ao cubo, coa súa obra Nube nube sol, na que lles ensinarán aos máis pequenos (entre 0 e 4 anos) todo o que a choiva e o sol provocan na nosa contorna. Haberá dúas sesións, ás 11.30 e ás 12.30 horas, na Sala Bahía.

“Esta programación está pensada para que grandes e pequenos desfruten do Nadal, ofrecendo alternativas para que manteñamos viva a ilusión destas festas”, indica a concelleira de Cultura, quen tamén anuncia que “na recepción aos Reis Magos do día 5 de xaneiro farase entrega dos premios aos gañadores do XVIII Concurso de Postais de Nadal, do que saíu a postal que usará o Concello de Foz na súa felicitación oficial. Agradecemos a participación a tod@s e esperamos que o pasaran ben deseñándoas. Os gañadores deste ano foron, na categoría infantil A, Noel Acevo Sante (Colexio Fondo Nois) e Jaime Fernández Cuervo (Colexio Nº1); na categoría infantil B, Malena López Casal e Luis Goás Fernández (ambos do Colexio do Pilar); e na categoría xuvenil, Marina Couceiro Lage (colexio do Pilar) e Eva Núñez Lago (Fondo Nois). A postal de Marina Couceiro Lage será a que felicite o Nadal de todos os foceg@s. Desexámoslle a veciñ@s e visitantes un bo Nadal e un próspero ano novo, esperando que desfruten de Foz, da súa decoración e das súas actividades”.

0.21273398399353