Un museo ao aire libre no Vicedo para recoñecérmonos como pobo

Por Ana Somoza
No lugar de Xestoso, na parroquia de Cabanas, no Concello de O Vicedo, medra unha iniciativa singular chamada a consolidarse como un espazo de encontro, reflexión e orgullo colectivo. Trátase do Museo da Identidade Cultural Galega, un proxecto impulsado por Eduardo de Martís, quen leva máis dunha década madurando a idea e traballando con constancia para facela realidade.
“Foi no ano 2009 cando empezou a coller forma”, explica Eduardo. Naquel momento, unha exposición itinerante sobre a identidade galega percorreu diversos espazos, incluíndo a Semana de Galicia en París e mesmo o Parlamento Europeo en 2010. Tamén tivo percorrido por distintos puntos de Galicia, onde recolleu un interese crecente entre o público. “A exposición quedábase curta en tempo. Vimos que había ganas de afondar, de ir máis alá, e iso foi o que nos fixo ver que había un camiño por abrir”, sinala.

ESPAZO SIMBÓLICO. Ese camiño conflúe agora nun prado próximo ao Teatro das Cortes, onde se ergue este museo ao aire libre, pensado para estimular a memoria colectiva e fomentar o coñecemento de nós mesmos como pobo. “A proposta está situada nunha pradeira en Xestoso, desde onde se pode contemplar unha instalación a ceo aberto que ofrece unha representación da identidade cultural galega contemporánea”, explica o seu impulsor. Esa representación está conformada por trinta fotografías dispostas como un bosque simbólico, que Eduardo define como “fitos da nosa identidade”.
INFANCIA E FUTURO. Ademais dese percorrido visual, haberá unha carpa destinada a exposicións temporais e monográficas que dean visibilidade a referentes do presente galego. O terceiro espazo da proposta está pensada especialmente para os máis novos: unha actividade de procura de valores identitarios agochados na contorna, deseñada como unha especie de xogo didáctico que pretende axudar ás crianzas a orientar o seu porvir. “É unha maneira de implicar á infancia e de ofrecerlles ferramentas para recoñeceren as súas raíces”, afirma.
O museo non busca tanto conservar como inspirar. Segundo explica Eduardo, o obxectivo principal non é outro que “difundir a identidade cultural galega e amosar testemuñas de como nos inflúe esa identidade en aspectos coma a integridade, a autoestima ou os camiños de futuro”. A súa visión é clara: sen coñecemento e orgullo da propia identidade, é difícil construír unha sociedade cohesionada e segura de si mesma.
DIVERSIDADE E IDENTIDADE. Preguntado polo concepto de identidade cultural galega, responde sen titubeos: “É aquilo que nos define e nos constitúe como comunidade. Aquilo que conforma o noso imaxinario colectivo”. Para el, a identidade galega non se limita ao plano cultural, senón que se manifesta tamén no eido económico, nas oportunidades e retos que presenta o territorio, e no social, marcado por un envellecemento da poboación pero tamén polo fenómeno dos novos poboadores que escollen Galicia como fogar.

No cultural, subliña a importancia de “evidencias tan ricas como o noso patrimonio material e inmaterial”, e lamenta que moitas veces esa riqueza pase desapercibida ou non sexa suficientemente valorada. Por iso, defende que a máxima do museo debe ser a diversidade: “Queremos reflectir a riqueza que temos ao noso carón, darlle visibilidade e facer que a xente a recoñeza como propia”. A proposta conta cun forte compoñente simbólico, mais tamén cunha vocación práctica e transformadora. Eduardo insiste en que non se trata só dun proxecto cultural, senón tamén social e educativo. “Temos que ser conscientes de que a identidade inflúe nas nosas vidas cotiás. Axúdanos a saber quen somos, de onde vimos e onde podemos chegar”, afirma. E engade: “Un pobo que perde o seu referente identitario é un pobo que se desorienta”.
A día de hoxe, o proxecto camiña con recursos propios e grazas á colaboración desinteresada de moitas persoas. “Partimos dun enfoque orgánico. É dicir, apoiámonos nos nosos propios medios e nas achegas que nos van chegando de persoas e entidades”, explica. Ao mesmo tempo, están a traballar na creación dunha base de posibles colaboracións futuras, tanto a nivel institucional como asociativo. Iso si, queren manter un diálogo aberto con todos os axentes do territorio. “Queremos escoitar, compartir e construír de forma colectiva”, apunta.
PARTICIPACIÓN. O museo tamén terá unha intensa programación paralela, con visitas guiadas, obradoiros e actividades educativas que permitirán implicar á veciñanza e dar continuidade ao traballo iniciado. “O Teatro das Cortes xa conta cun público importante, e pensamos que é unha oportunidade perfecta para colaborar na cohesión sociocultural da zona”, afirma Eduardo. Os obradoiros estarán orientados a distintos públicos e buscarán fomentar a participación activa, a reflexión e a creación colectiva. A proposta chega nun momento especialmente delicado para a cultura galega, ameazada pola globalización, a homoxeneización cultural e a perda de referentes locais.
Neste contexto, Eduardo recoñece que iniciativas coma esta poden ter un papel relevante como forma de resistencia. “Esta valoración terá que facela cada quen; mesmo o tempo o dirá”, comenta. Iso si, lembra que a imaxe tomada o día da inauguración da primeira instalación “fala por si soa” e reflicte a forza simbólica que pode ter unha proposta coma esta. A reflexión sobre a identidade non é para el un exercicio nostálxico nin académico, senón unha necesidade vital. “Podemos ter autoestima ou integridade se viramos as costas á nosa identidade?”, pregúntase. A resposta está implícita na pregunta, mais tamén nas accións concretas que está a desenvolver.
MIRADA AO PORVIR. O Museo da Identidade Cultural Galega, que xa abriu as súas portas nunha primeira fase, quere converterse nun faro que ilumine o noso pasado para entender o presente e proxectar o futuro. Eduardo asegura que non é un museo para mirar cara atrás, senón para mirar cara dentro. “A identidade é unha chave que abre portas, non unha carga que nos limita”, conclúe. Neste tempo en que todo parece acelerarse e despersonalizarse, proxectos coma este recordan que a cultura non é só o que herdamos, senón tamén o que decidimos construír. Desde unha pradeira no corazón do Vicedo, un bosque de imaxes, voces e símbolos comeza a medrar para axudarnos a recoñecernos e seguir camiñando como pobo.