Un mural dedicado ao Cristo da Agonía transformará a Avenida de Lourdes en Viveiro

AMariñaXa
A Xunta de Confrarías impulsa un proxecto artístico de gran formato para poñer en valor o patrimonio relixioso e cultural da vila
Semana-Santa-Viveiro
5 Sep 2025

Viveiro prepara un novo atractivo cultural coa creación dun mural de gran formato que ocupará a contorna da Avenida de Lourdes. A obra, dedicada á emblemática figura do Cristo da Agonía, símbolo central da Semana Santa viveirense declarada Festa de Interese Turístico Internacional, pretende combinar arte e tradición nunha intervención única.

O encargado de levar a cabo o proxecto será Dani Caxete, muralista e fotógrafo galego afincado en Madrid, recoñecido pola súa traxectoria internacional. O seu estilo, caracterizado pola forza expresiva e a profundidade simbólica, encaixa á perfección co espírito da Semana Santa de Viveiro.

"Este proxecto é unha mostra máis de como tradición e arte poden unirse para reforzar a nosa identidade como pobo", destacou a alcaldesa Mariña Gueimunde. Engadiu que "o mural converterase tamén nun atractivo cultural e turístico que permitirá reflexionar sobre o legado espiritual da nosa cidade".

A iniciativa busca non só embelecer o espazo urbano, senón tamén poñer en valor as raíces relixiosas e culturais de Viveiro, achegando a tradición ás novas xeracións e mantendo viva a historia e o patrimonio da vila ao longo de todo o ano.

⚙ Configurar cookies
0.16976094245911