Un libro pioneiro afonda na identidade galega da comarca asturiana do Eo-Navia

O escritor e profesor Manuel Miragaia presenta este domingo 25 de maio, ás 19:00 horas no Campo de San Francisco de Ribadeo, o seu novo libro A Terra do Eo-Navia. A galeguidade en Asturias, unha publicación pioneira que ofrece unha visión ampla e documentada da comarca asturiana do Eo-Navia, tan próxima e historicamente ligada a Galicia.
A obra, ilustrada con numerosas fotografías, percorre os principais aspectos xeográficos, históricos, lingüísticos, culturais, patrimoniais, etnográficos e gastronómicos da rexión. Unha das súas achegas máis destacadas é a defensa e posta en valor da súa fala comarcal, unha variante da lingua galego-portuguesa que, segundo Miragaia, merece “a máxima protección e desenvolvemento”.
O autor explica que este traballo nace co obxectivo de difundir e fortalecer o coñecemento sobre esta terra asturiana, rica en tradicións e con fortes lazos coa Galiza veciña. “Queremos que os habitantes do Eo-Navia se sintan máis orgullosos da súa identidade e tamén que os galegos se acheguen con maior curiosidade e afecto a este territorio irmán”, sinala.
A publicación está baseada nunha extensa documentación bibliográfica, testemuños e experiencias persoais recollidas ao longo dos anos a través de viaxes e estadías na zona. Trátase do primeiro libro centrado exclusivamente no Eo-Navia desde unha perspectiva galega, o que o converte nunha referencia imprescindible para quen queira comprender a complexidade cultural e histórica desta franxa de contacto entre Galicia e Asturias.
A presentación do libro incluirá un coloquio aberto ao público, no que se abordarán diferentes aspectos da identidade e do futuro do Eo-Navia no contexto da cultura galega.