José María Rodil, ferreiro: "A xente busca o que facemos eses catro que seguimos traballando coma sempre"
Por Amanda Fernández
Define o seu oficio como "artesán de navallas" e a isto se dedica José María Rodil Arruñada, un ferreiro da Pontenova dende o 1994. Realiza navallas de xeito artesán, así como se facía nos tempos de antes: "Meu pai foi de Taramundi, onde comezou a traballar, e con quen eu aprendín este oficio. A día de hoxe sigo facéndoas forxadas, cortando as argolas, dobrándoas e debuxándoas eu, non emprego troqueis nin teño nada elaborado como se fai ultimamente en moitos sitios".
Como todo artesán, José María traballa coas mans e aprendeu dun mestre e referente para el, o seu pai, que vai cumprir 97 anos e puido ver como o seu fillo collía o relevo. Porén, tiña claro que ía ser ferreiro? "Eu crieime co meu pai na forxa, fixen bacharelato e ao acabar tiven algo de tempo con el na forxa ata ir á mili, e dende que volvín, aínda estiven un ano ou dous. Despois, entrei a traballar na oficina dun taller no que estiven sete ou oito anos. Foi ao rematar aló cando comecei ao día seguinte xa a facer navallas".
"QUEDAN MOI POUCAS PERSOAS QUE REALICEN O OFICIO A MAN"
"Meu pai foi de Taramundi, o que pasa é que se veu polo ano 1960 para o Concello da Pontenova, onde aínda vive a día de hoxe", comenta José María, que hai 11 anos trasladou o taller dunha parroquia á propia vila. Pasou o tempo, pero a maneira de facer navallas que lle ensinou seu pai, recoñece, segue sendo a mesma. Porén, as diferenzas están na creatividade e innovación nos deseños.
"Tiven moito tempo para darlle á cabeza, na pandemia sufrín un accidente de tráfico e a finais do 2021 tamén cortei a man coa radial. Neses anos de baixa laboral comecei a facer deseños, pero a forma de traballar en mesa é a mesma", destaca.
Xeralmente, confecciona navallas e algún coitelo e lamenta que sexa un oficio que manteñan xa poucos do xeito tradicional: "É un oficio no que, ao seguir facéndose a man coma min, forxando e así, quedan moi poucas persoas. En todo Taramundi quedan catro ou cinco xa da miña idade". O resto de persoas que realizan xa o fai con "troquelada e pintase e listo". Porén, a clientela procura algo distinto: "A xente busca o que facemos eses catro que seguimos traballando coma sempre, o feito a man e artesán".
No que atinxe ao público, José María fai fincapé na paixón dos coleccionistas e no peso da venta a través de páxina web para fóra. "Igual máis do 50 % son mulleres que piden navallas para agasallar aos homes e poden personalizarse", apunta. Así, tamén confecciona navallas máis pequenas de uso diario: "Para esa muller que ten un pícaro pequeno e lle quere pelar a mazá ou o bocadillo". As navallas que confecciona poden ir desde os 20 euros ata os 150, segundo o tempo e os materiais que empregue.
"O FEITO A MAN É ÚNICO, SEMPRE HAI DIFERENZAS"
Ver traballar a José Manuel na forxa seguro non deixa a ninguén indiferente e precisamente estará na Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova, os días 6, 7 e 8 de decembro. "Normalmente levo demostración de forxa portátil, demostración de como se fan as foxas, ao roxo vivo e a base de martelo e lume para moldear. Estarei na entrada do Pavillón de artesanía facendo a demostración", indica e recoñece que é algo que sempre chama a atención e ten aos seus "admiradores por aí".
Porén, hai algunha navalla coa que se quedou e non está á venta. O seu pai, por exemplo, ten un expositor de cristal con algunhas que fixo en diferentes tamaños e materiais, que quedan para o neto de recordo. "Teño unha que se fixo cunha madeira e quedou en dúas cores e quixo a muller quedar con ela porque, a verdade, era ben bonita coas dúas cores pegadas. Cando fago así algunha curiosa, non a vendo, pero levo tantas feitas, que ao final quedas con contadas", expresa.
E o futuro José María? Seguirá o teu fillo os teus pasos como ti os do teu pai na forxa? "Ten que torcerse moito, xa que o meu fillo leva 10 anos en Taiwán e dedícase aos negocios internacionais". Así, considera que é moi complicado que este oficio realizado de xeito artesán se manteña no tempo porque se vai vendo que queda menos xente: "Por Riotorto facían coitelos e xa logo non queda ninguén, aquí na Pontenova, tampouco, e en Taramundi quedan tres ou catro da miña idade".
Con 60 anos, José María pasa os días no seu taller, ao pé da casa, e axuda á súa muller nunha tenda que ten. Lamenta que o seu oficio poida non ter futuro porque recoñece que hai quen prefire ir "ao sinxelo, traer e montar, ter todo feito". O seu traballo está lonxe diso, hai dedicación, tempo, coidado e manifesta que lle gustaría que a xente valore e diferencie o feito a man.
O artesán continúa a ter un selo de diferencia e autenticidade: "A xente que entende xa distingue as feitas de xeito tradicional e as feitas a troque. Se colles dúas navallas iguais e son iguais en todo sen diferenza ningunha, iso é de fábrica. Porén, se ti colles dúas navallas miñas, en teoría iguais, sempre apreciarás moitas diferencias, como a marca máis preto dunha esquina, diferenzas nos debuxos e nas medidas. Vendo dúas navallas xuntas aprécianse diferenzas ao momento, as feitas á man son únicas, sempre se diferencian nalgo".