Un estudante de Foz, premiado no certame de fotografía da asociación Ponte...nas ondas!
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!, con longa traxectoria de case 30 anos na promoción e posta en valor do patrimonio inmaterial, deu a coñecer aos premiados do VII Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio”. Un alambique ambulante por terras de Amandi, a primeira fábrica de gaseosas do concello de Laza a comezos do século XIX, unha estampa da vendima, un tataravó palangreiro en terras do Barbanza, un concurso de vestidos de bonecas nos anos 50 do século pasado, dous rapaces apenas adolescentes comezando como aprendices de albanel e ebanista, unha parella moceando na emigración londiniense dos anos 60, un día na sega do trigo, unha voda multicultural en Río de Janeiro hai case setenta anos, montando o palco da festa...
Os anteriores son tema dalgunhas das magníficas estampas, con grandes historias que as acompañan, e que foron premiadas na iniciativa, que supuxo unha nova viaxe pola memoria á que nos convida alumnado galego e portugués, coa colaboración das súas familias. Entre os premiado, Iago Rodríguez Edrosa de 1º da ESO do IES de Foz (Lugo) recibiu o accésit por Un día segando o trigo.
O xurado integrárono Sergio Pereira antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga, Xerardo Feijoo, profesor, e Fran Valcárcel profesor e membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto. Co obxectivo prioritario de axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dese rico e variado Patrimonio Cultural Común, propúxoselles que buscaran, coa axuda dos docentes e na compaña de seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva.