Un corte de auga afectará este xoves a tres núcleos de Barreiros para mellorar a rede de abastecemento

O Concello de Barreiros informou dun corte programado na rede de abastecemento de auga para este xoves 9 de abril, unha interrupción que afectará aos núcleos de Vilar, Áspera e Viladaide durante a mañá.
A actuación está motivada pola instalación de válvulas redutoras de presión, unha intervención coa que se pretende mellorar o funcionamento da rede e reforzar a súa seguridade ante posibles roturas.
Segundo avanzou o Concello, a previsión é que os traballos ocupen toda a mañá, aínda que se intentará rematar o antes posible para reducir as molestias á veciñanza.
Desde a administración local agradecen a comprensión dos residentes nas zonas afectadas e lembran que esta actuación busca mellorar a eficiencia do sistema de abastecemento a medio prazo.