Un concerto de Jamila Purofilin reabre a programación cultural en Ribadeo
A axenda cultural da Concellaría de Cultura ribadense para os vindeiros meses arrincará este sábado, 6 de marzo, co concerto que ofrecerá Jamila Purofilin. A programación inclúe máis música, teatro con Chévere, Amorodos e Talía e diferentes propostas para os máis pequenos e pequenas da casa.
A intérprete cubana Jamila Purofilin, que xa ten visitado noutras ocasións Ribadeo, presenta En la Habana de noche. A súa voz magnífica estará acompañada por Yoanny Fonseca no piano, Eugenio Pérez no baixo, na percusión con José Ángel Pérez e Marjorie Díaz no saxo”.
A segunda proposta de Cultura trata dun cancioneiro que leva por nome De botóns, así se lle chamaba ao acordeón diatónico en moitas zonas da Galiza. Consta dunha selección moi escollida de repertorio tradicional galego e das comarcas da contorna, adaptadas e arranxadas para este instrumento. Editouse un libro con máis de cen cancións reelaboradas dende un profundo coñecemento, tanto do instrumento como da harmonía. É obra de dous autores, Carlos Quintá e Pedro Pascual, xunto cun equipo de persoas especializadas en diferentes áreas. Ademais o libro comeza cun preliminar escrito por Ugía Pedreira. Trátase dun equipo experimentado, coordinado por unha produtora rural veciña, xa que desenvolve o seu labor fundamentalmente na fronteira galaico-asturiana, Mialma Producióis.
Ademais o Concello anunciou a realización dun mural de homenaxe a Rosalía de Castro que levará a cabo, nas Castro Rúas, o grupo Concepto Circo.
En canto ao teatro para adultos, os seareiros e seareiras de Chévere están de noraboa. Neste mesmo mes de marzo representan Curva España e antes do verán chegarán con As fillas Bravas e o mito de Casandra. A compañía Amorodos convidará a ver Xente 2.0 e outra das formacións con máis seguidores como é Talía Teatro trae a súa Vida de cans.
A programación infantil segue a articular a súa oferta no programa Apego. Esta mesma semana presentarase unha programación específica para bebés, que está formada por espectáculos e obradoiros para familias. Para os máis grandiños, a partir de 5 anos estánconvidados a ver o Teatro dos Ghazafelhos coa peza de Carvalho Calero As pitas baixo a choiva, a Raquel Queizás con Cimena Marabillas e Fátima Fernández fará un espectáculo arredor dos contos pop up que tentarán que sexa no parque, se o tempo o permite.