Un cento de persoas participou na conferencia homenaxe á científica barreirense Aurora Sampedro Piñeiro
A conferencia sobre a científica e académica Aurora Sampedro Piñeiro, reuniu a máis dun cento de persoas no Canteiro, en Benquerencia. Foi nun ambiente cálido no que se respiraba ciencia e agradecemento. Os asistentes gozaron da exposición maxistral do benquerido amigo Manuel Rivero, no que el denominou o universo Aurora Sampedro Piñeiro.
A través da exposición desandou o tempo e marcou os fitos determinantes da historia de vida desta barreirense, unha avanzada do seu tempo. E a partir de onte visualizouse o futuro, a través dunha viaxe das metas conseguidas ou a punto de conseguir: filla predilecta de Barreiros; a solicitude á Real Academia Galega da Ciencia, do seu recoñecemento o próximo ano; a creación do premio Bítere de honra Aurora Sampedro Piñeiro, para recoñecer a labor de persoas e asociacións, principalmente da Mariña, no mundo das letras, das artes e da investigación; e no próximo Nadal a publicación dun libro sobre Aurora.
A ofrenda floral, que ía ter lugar no cemiterio de Benquerencia, foi realizada no Canteiro, por mor do mal tempo rexistrado onte na zona.