Un cartel con alma para unhas San Lucas que lembran a Xosé Vizoso

Hai carteis que simplemente anuncian festas, e hai outros que contan unha historia. O deste ano, das San Lucas, pertence á segunda categoría: leva alma. A montaxe é obra de Daniel Vizoso, pero nel palpita tamén moito do seu pai, Xosé Vizoso, falecido este ano e lembrado como un dos grandes referentes culturais de Galicia.
Vizoso non era só un creador de carteis. Era un artista singular, un soñador cun lápis na man e un firme defensor da identidade galega a través da súa arte. Foi quen deu imaxe a celebracións como a Queimada de Cervo, a Santa Minia en Brión ou as propias San Lucas, espallando co seu trazo a beleza e o espírito dun pobo que nunca se rende.
Natural de Mondoñedo, Vizoso mantivo un vencello especial con Cervo, berce do espírito de Sargadelos. Na súa época, Sargadelos era moito máis ca un obradoiro: representaba un proxecto cultural que unía arte, historia e identidade. Xunto a Isaac Díaz Pardo, participou activamente na construción dese soño colectivo, convertendo Sargadelos nun símbolo da nosa terra. Sen necesidade de documentos, o cariño e o orgullo por Vizoso unirán sempre a Cervo e a Mondoñedo.
Este ano, a Xunta de Galicia dedicoulle o Día da Ilustración, recoñecendo así unha traxectoria que fixo país desde cada pincelada, dende cada cor, dende cada trazo. O cartel das San Lucas 2025, que se celebrarán do 16 ao 20 de outubro, é un retrato condensado desa obra e desa paixón, un tributo que combina a man e a memoria.