Un carril bici unirá o centro de Ribadeo coa praia de Rocas e a Illa Pancha

AMariñaXa
Ribadeo asinou o convenio para cubrir parte do financiamento do carril-bici que conectará o centro coa praia de Rocas e coa Illa Pancha.
carri bici ribadeo costa
4 sep 2021

O Concello de Ribadeo asinou o convenio coa Deputación de Lugo para cubrir parte do financiamento do carril-bici que conectará o centro urbano da vila coa praia de Rocas e coa Illa Pancha.

O proxecto ascende a 320.000 euros dos que a Área de Medio Rural e Mar da institución provincial achega 250.000 euros e o resto procede de fondos propios do Concello.

O proxecto consiste na adaptación como vía ciclista dun treito de catro quilómetros entre a praia dos Bloques e a zona do faro, bordeando a costa e discorrendo por lugares emblemáticos como o cargadeiro ou o Forte de San Damián. Para iso, vaise habilitar un carril-bici bidireccional de dous metros e medio de ancho a partir do Forte de San Damián, mentres que no resto do traxecto se optará por harmonizar o paso de vehículos e bicicletas nunha vía de sección única de prioridade ciclista. O traxecto tamén será transitable a pé por beirarrúas e por pasos peonís. Para completar esta ruta circular incluirase o aglomerado asfáltico do treito comprendido entre a praia de Rocas e o encontro coa estrada provincial en Vilaselán.

É unha importante actuación que vai mellorar as condicións de uso e de seguridade dun espazo que xa é empregado pola veciñanza e en especial pola mocidade para o paseo a pé e para outras actividades físicas.

0.1358790397644