Un arqueólogo supervisa as obras da rúa do Faro na Atalaia de Cervo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
10 sep 2019

A edil de Patrimonio, Dolores García Caramés, recordou hoxe que as obras da Rúa do Faro, na zona da Atalaia, estanse a acometer “baixo a supervisión continua dun arqueólogo, e desde o Concello estamos a seguir en todo momento as directrices marcadas pola Dirección Xeral de Patrimonio, velando sempre pola conservación dos nosos bens históricos”

Caramés explicou que os traballos de mellora integral desta zona de San Ciprián prosiguen con cautela, e baixo o aval dos organismos competentes e dos técnicos “co obxectivo de conxugar a vida dos veciños co valor histórico destes achádegos”.

A edil subliñou que desde o Concello estamos a dar os pasos necesarios para poñer en valor toda esta zona, “buscando a compatibilidade de conservar o Castro, cos dereitos da veciñanza que habita na contorna”.

Neste senso, Caramés recordou que o ente municipal xa redactou un Plan Especial de Protección do Castro da Atalaia que xa foi sometido a avaliación ambiental.

A concelleira precisou que o equipo de Goberno traballa sempre coa mirada posta na protección do noso Patrimonio, e por iso, neste caso tamén, estamos en contacto continuo coa Dirección Xeral de Patrimonio e cos arqueólogos “para poñer en valor toda esta zona que é unha xoia patrimonial”, sentenciou. 

0.16079998016357