Un ano da moción que marcou Viveiro

Hai case un ano, Mariña Gueimunde asumiu a Alcaldía de Viveiro tras a moción de censura que PP e Por Viveiro levaron adiante. A alcaldesa, nun balance do seu primeiro ano de goberno, asegura que “foi un ano intenso, centrado en poñer orde, en revisar expedientes, en desbloquear trámites administrativos e en garantir que cada proxecto conte coa seguridade xurídica e económica necesaria”. Para ela, gobernar tamén significa “dedicar horas e esforzo a unha xestión rigorosa que permita que as cousas saian ben e teñan continuidade no tempo”.
Bernardo Fraga, portavoz de Por Viveiro, lembra que o apoio do seu grupo foi decisivo para a moción e considera que aquel cambio era necesario porque “a situación na que estaba Viveiro de parálise e de falta de liderado era moi grande”. Engade que as expectativas de Por Viveiro eran que se cumprisen os acordos asinados co PP, entre eles a elaboración do PXOM ou o impulso da variante: “Polo momento estase a traballar na boa liña, aínda que os procesos son lentos”.
Porén, María Loureiro, ex alcaldesa do PSOE, sostén que “este ano foi máis de continuidade do traballo xa iniciado que de proxectos propios”, e que “hai moitas fotos e anuncios, pero poucos avances estruturais novos para Viveiro”. Iria Cotelo, do BNG, advirte que “pasouse dun modelo con planificación e rumbo a unha etapa sen estratexia municipal definida”, e engade que “o goberno está máis centrado en propaganda institucional e en promover á alcaldesa que nun proxecto de transformación real para Viveiro”.
SERVIZOS E INFRAESTRUTURAS. Gueimunde destaca que unha das súas prioridades foi “manter e reforzar os servizos municipais” e subliña que “esa estabilidade é fundamental para que o Concello avance”. Entre os proxectos que cita, aparece a variante leste, que segundo a alcaldesa “aliviará o tráfico no núcleo urbano e mellorará a calidade de vida da veciñanza”, e a transformación da fachada marítima, que queren converter en “un espazo de encontro, de actividade económica e de atractivo turístico”.
Fraga coincide en que hai avances positivos: “Na xestión do día a día municipal notamos cambios, sobre todo nos orzamentos que agora se presentan en tempo e forma, algo que era un rara avis no Goberno socialista”. Mais Loureiro critica a renuncia á vía de alta capacidade, que “tal como estaba planificada, é un incumprimento evidente”, e Cotelo engade que “as comunicacións non poden decidirse con titulares; Viveiro precisa un goberno que mire máis aló dos actos simbólicos”.
PXOM E PLANIFICACIÓN. A alcaldesa insiste en que “un dos piares fundamentais do noso mandato é a aprobación do PXOM. Viveiro necesita unha planificación moderna, realista e sostible que permita medrar con equilibrio e atraer investimento”. Fraga considera que “as expectativas de Por Viveiro están a cumprirse en boa medida, porque o PXOM está encamiñado e moitos proxectos están en proceso de desenvolvemento”, destacando a colaboración institucional como clave para que “os recursos se multipliquen e se poidan executar as actuacións necesarias”.
Porén, Cotelo sinala que “moitas das iniciativas do actual goberno proceden do traballo previo do BNG e non hai folla de ruta propia nin planificación de medio e longo prazo”. Loureiro tamén critica que “quedaron interrompidos proxectos fundamentais, como o impulso definitivo do plan xeral e a modernización de servizos básicos, que xa estaban avanzados”.
PATRIMONIO E CULTURA. A rexedora local subliña que queren “recuperar e humanizar a fachada marítima e rehabilitar a Praza de Abastos, unha aposta clara polo comercio local e pola dinamización económica”. Engade que “queremos un Viveiro máis ordenado, máis eficiente e preparado para o futuro”.
Desde o PSOE, Loureiro critica que “a programación cultural perdeu ambición e planificación propia, quedando á espera do que organizan as asociacións ou doutros organismos”. Cotelo engade que “moitas das actuacións que puxemos en marcha desde o BNG seguen executándose, e iso demostra que había planificación seria e unha folla de ruta clara, mais non hai iniciativas novas do actual goberno”. Fraga recoñece que “algúns proxectos culturais avanzan, pero é certo que o tempo administrativo impón ritmos lentos”.
XESTIÓN E RECURSOS. A representante do PP recoñece que “o máis difícil é priorizar, porque cada demanda dos veciños é real e leva anos agardando resposta”, e engade que “temos que ser equitativos e actuar con responsabilidade, tomando decisións co interese xeral por diante”.
Fraga sinala que “cada decisión se toma con criterios claros e sempre buscando a colaboración institucional, porque só así se poden multiplicar oportunidades”. Mais Loureiro alerta que “moitos recursos estanse destinando a proxectos preparados polo goberno anterior, sen unha folla de ruta nova e ambiciosa”. Cotelo coincide e engade que “hai falta de planificación e transparencia, só se cumpriron 2 dos 21 puntos do pacto da moción de censura, e iso evidencia o engano á veciñanza”.
SOCIEDADE E COOPERACIÓN. Desde o Goberno local insisten en que “é fundamental manter un ton de respecto institucional e cooperar coa Xunta, Deputación e outras administracións”. Fraga engade que “a relación co goberno municipal é cordial, fluída e constante, e temos un acordo para participar nas decisións e facer seguimento dos proxectos”.
Porén, Cotelo critica que “o PP non escoita á veciñanza; exemplos claros foron a negativa de apoio ás mobilizacións pola sanidade e a falta de diálogo coa hostalería e clubs deportivos”. Loureiro lembra que “a moción xerou desconcerto e desconfianza, e algúns proxectos clave quedaron interrompidos, como a vía de alta capacidade e certas liñas culturais”.
RETOS. Mariña Gueimunde considera que “cada proxecto require meses de tramitación e planificación, e asumimos o risco e a responsabilidade de arrincar desde cero para construír con rigor un futuro para Viveiro”. Fraga engade que “o Goberno está a avanzar na execución de proxectos, aínda que hai que ser pacientes e esperar que as promesas se materialicen”.
Cotelo recalca que “o actual goberno traballa máis en imaxe que en proxecto”, mentres Loureiro considera que “a falta de proxecto propio do Executivo evidencia que Viveiro camiña a ritmo lento e sen impulso novo, e que o PSOE segue sendo a alternativa coa folla de ruta máis clara”.
FUTURO. A alcaldesa asegura que “o noso obxectivo é sentar bases sólidas para que Viveiro medre de forma ordenada, eficiente e sostible”, e subliña que cada proxecto require planificación e tramitación rigorosa. Fraga considera que “a colaboración co PP e a xestión dos proxectos en marcha permiten avances, aínda que o ritmo é máis lento do desexable”.
Desde a oposición, Cotelo insiste en que “o actual goberno carece de proxecto propio e traballa máis en imaxe que en transformación real para a cidade”, mentres Loureiro engade que “moitas promesas seguen no papel e algúns proxectos fundamentais quedaron interrompidos, deixando pendente o futuro”.
En definitiva, Viveiro continúa nunha etapa de transición: con proxectos iniciados e avances administrativos, pero tamén con atrasos e expectativas sen cumprir. E queda un ano para as seguintes eleccións, no que serán os veciños e veciñas quen decidan se este primeiro ano de xestión e planificación é suficiente ou se reclaman un cambio de rumbo.