Últimos días para visitar a Vila de Nadal de Lourenzá

AMariñaXa
Esta nova edición, elaborada artesanalmente, conta con máis escenas e figuras ca nunca
Lourenza-poboada-Vila-Nadal-artesanal-2022-(4)
10 Jan 2025

A Vila de Nadal de Vilanova de Lourenzá, situada na praza do Conde Santo, afronta os seus últimos días aberta ao público, xa que poderá visitarse só ata o 12 de xaneiro.

Esta nova edición, elaborada artesanalmente, conta con máis escenas e figuras ca nunca. A alcaldesa, Rocío López, destacou na súa inauguración que “neste 2024 incorporamos varias escenas novas, como a botica, a xastrería, a taberna e o panadeiro, que se unen ás que xa tiñamos de oficios e costumes da nosa vida, como a matanza do porco ou a escola rural”.

A rexedora municipal lembra que esta iniciativa comezou hai uns anos e segue medrando cada Nadal: “Cada ano aumentamos o número de figuras e escenarios, apostando por unha decoración sostible que nos permite reciclar materiais como restos de podas, troncos e ramas das árbores que se cortan ao longo do ano para crear estas obras tan especiais”.

Rocío López subliña a importancia de achegarse antes do 12 de xaneiro para descubrir este poboado navideño único: “Queremos que a nosa decoración de Nadal sexa un reclamo para turistas e visitantes. Está pensado especialmente para o disfrute dos máis pequenos, polo que cada ano engadimos escenas e personaxes que lles resulten atractivas e sorprendentes”.

A alcaldesa tamén quixo poñer en valor o traballo que hai detrás deste proxecto: “Nada disto sería posible sen o esforzo e a colaboración do persoal municipal, das concelleiras e concelleiros e doutras persoas que, de xeito desinteresado, nos axudan a preparar todas as escenas. O Nadal de Lourenzá destaca pola súa autenticidade, pola sinxeleza das súas creacións e polo mimo con que se fan”.

Rocío López anima a toda a xente da zona e visitantes a non deixar pasar a oportunidade de visitar a Vila de Nadal antes do 12 de xaneiro: “Estou segura de que lles encantará e sorprenderá todo o que atoparán aquí. É unha experiencia que non se deben perder”.

0.16234993934631