Últimos días da recollida de sinaturas do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro

AMariñaXa
Servirán para que os conservatorios de titularidade municipal pasen a formar parte da rede de conservatorios da Consellería de Educación da Xunta de Galicia
conservatorio-musica-viveiro
24 Jan 2025

Esta fin de semana será a último na recollida de sinaturas que impulsa o Conservatorio Profesional de Música de Viveiro para que os conservatorios de titularidade municipal pasen a formar parte da rede de conservatorios da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, que é a administración competente para impartir os ensinos de música neste tipo de centros.

As recollida de firmas vai a un ritmo moi importante e inesperado, alcanzando a día de hoxe as 6.000. Isto logrouse grazas á gran implicación de toda a comunidade educativa do Conservatorio de Viveiro. Profesores, persoal de administración e servizos, pais, alumnos e mesmo avós, envorcáronse nesta recollida que tenta lograr que o conservatorio sexa asumido pola Xunta, e con isto liberar ao Concello de Viveiro da carga económica que supón o conservatorio, así como lograr un importantísimo aforro nas matrículas que teñen que abonar os pais de alumnos, ademais de dotar ao conservatorio con máis medios materiais e mesmo de profesorado.

Comercios e asociacións colaboraron activamente nesta recollida, o que demostra a gran importancia do Conservatorio na sociedade de Viveiro. Foi de importancia crucial a gran implicación da Asociación de alumnado adulto do Conservatorio, “Melomanía”, xa que esta asociación musical, que está profundamente arraigada no conservatorio, logrou recoller 2000 firmas. Actualmente Melomanía conta con 130 asociados, que dinamizan a vida musical de Viveiro e permite a persoas adultas estudar diferentes especialidades instrumentais.

Lembrar que o conservatorio de Viveiro é o máis grande dos 23 conservatorios de Galicia de titularidade municipal. Conta con 240 alumnos, a cifra máis alta de alumnado de todos os conservatorios municipais, superando a outros municipios con moita máis poboación.

0.16763091087341