Últimas prazas para o curso de embarcacións de fibra do CIFP Porta da Auga

AMariñaXa
O CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, oferta as últimas prazaspara o curso de fabricación e mantemento de embarcacións de fibra.
barco pintar embaarcacion fibra
8 Xul 2021

O Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga, de Ribadeo, oferta as últimas prazas que hai dispoñibles para o curso de fabricación e mantemento de embarcacións de fibra. Nel formaranse futuros traballadores da División de Fibra de Astilleros Gondán, no municipio asturiano de Castropol, onde o alumnado fará as prácticas. O prazo de inscrición remata o día 16 deste mes polo que os interesados deben contactar canto antes co CIFP Porta da Auga de maneira presencial ou chamando ao teléfono 982 128 894.

Isidro Berdeal explica que “para o curso que ofertamos por primeira vez sobre fabricación e mantemento de embarcacións de fibra quédannos as últimas prazas. Froito do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e Astilleros Gondán, este curso formará a futuros traballadores de dita empresa para a súa división de embarcacións de fibra. Os interesados poden presentar as solicitudes ata o 16 de xullo e o período de formación será desde setembro de 2021 ata febreiro de 2022, cun total de 632 horas, nas que o alumnado obterá competencias en pintura, reparación e construción de elementos de plástico reforzado con fibra de vidro en embarcacións”.

Os requisitos para acceder a esta formación son os mesmos que para un ciclo medio: ter a ESO ou un curso equivalente ou as probas de acceso a ciclos medios ou cursar unha FP anteriormente.

Para ultimar os preparativos desta acción formativa o director do CIFP Porta da Auga reuniuse nas instalacións de Astilleros Gondán, no peirao sur de Castropol (preto de Vegadeo), co director desta división, o enxeñeiro Antonio Pacheco, e co xefe de produción da mesma, Boris Cadet.

0.21020913124084