Trinta alumnos italianos e seis turcos farán prácticas en empresas de Ribadeo e na Pontenova
Trinta alumnos italianos e seis turcos farán prácticas en empresas de Ribadeo e na Pontenova ao longo das vindeiras semanas. O primeiro grupo chegará á vila ribadense o vindeiro 31 de maio. As estadías enmárcanse dentro do programa Erasmus +, que está a desenvolver a asociación. “Dentro do programa Erasmus + que está a desenvolver a asociación Apaga temos tamén este ano un importante número de alumnos que van vir de outros países”, explica o presidente de Apaga, Álvaro Doural.
Concretamente o día 31, chegan 15 alumnos dun centro de Italia, de Maranello. “Van facer unha estadía formativa en empresas de Ribadeo durante 15 días. E despois, no mes de xullo, vai vir outro grupo de italianos outros 15 días. Quero resaltar o noso agradecemento ás empresas de Ribadeo que van colaborar nesta iniciativa polo esforzo que supón para elas na maioría dos casos ter dous alumnos para poder colocalos a todos na zona de Ribadeo”.
O presidente de Apaga contou que “Despois no mes de xuño na Pontenova, estarán seis alumnos de Turquía, que van estar en Industrial Recense, “que é unha empresa que colabora con nos e que verdadeiramente ten unha visión do que é a formación e das iniciativas de apoio a entidades como a Apaga ou aos centros educativos”. Ademais, tamén están preparando unha liña de colaboración cos centros que visitaron en Chile no mes de marzo e están a organizar “o foro de innovación, que se fará os días 28, 29 e 30 de agosto”.
O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia indicou que no mes de maio rematarán “o programa de mobilidade de 2022, porque polo tema da pandemia levamos un retraso considerable, e a finais de agosto rematará o de 2023”. Contan con moi boas expectativas na estadía dos novos alumnos. “No seu día xa tivemos alumnos italianos é resultou moi ben. Neste caso creo que as cousas se poden mellorar bastante pola referencia do centro do que veñen, que ten 800 alumnos, só de automoción, e que traballa coa empresa Ferrari, que está ao seu lado, que é a institución veciña desta xente. Para nós é un aliciente importante colaborar con este tipo de institucións, que verdadeiramente aportan moito e que sempre é un valor engadido importante para a nosa organización”.