Tres veciñas de Mondoñedo gañan os vales do sorteo da campaña “De compras polo comercio da Mariña Lucense”

A cidade de Mondoñedo acolleu onte unha nova parada da campaña De compras polo comercio da Mariña Lucense, impulsada pola Federación de Comercio A Mariña (FCAM). Nesta ocasión, tres veciñas do municipio resultaron gañadoras dos vales de compra sorteados pola entidade, valorados en 250, 150 e 100 euros, respectivamente.
Os premios foron entregados durante un acto celebrado na propia cidade episcopal, que contou coa presenza de destacados convidados e convidadas que acompañaron á FCAM ao longo da fin de semana nas súas actividades en Lourenzá e Mondoñedo. Entre eles atopábanse o xornalista Fabián Pérez, a divulgadora gastronómica Inés Butrón, o piragüista e medallista olímpico Carlos Arévalo e a escritora Leticia Sierra.
As persoas galardoadas recibiron os seus vales de compra de mans destes invitados, que participaron activamente na campaña como embaixadores do comercio mariñán. Desde a FCAM destacaron que a presenza destas figuras “axuda a dar visibilidade ao pequeno comercio e a poñer en valor o seu papel na dinamización económica e social da comarca”.
Na entrega tamén estiveron presentes o alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero, e a concelleira Patricia Otero, quen agradeceron á Federación o seu esforzo por levar este tipo de iniciativas aos concellos da Mariña. Subliñaron, ademais, “a importancia de apoiar o comercio de proximidade, que é un motor esencial para a economía local”.
A campaña De compras polo comercio da Mariña Lucense continúa así o seu percorrido por distintas vilas da comarca, repartindo premios e fomentando as compras nos establecementos adheridos ás asociacións locais de comerciantes.