Tres festivais de música da provincia reciben unha subvención

RibeiraSacraXa | LugoXa | AMariñaXa
A Xunta de Galicia acaba de publicar a adxudicación de 575.000 euros en axudas a 26 festivais galegos de carácter profesiona.
resurrection fest 2012 ruben navarro
9 Xul 2023

A Xunta de Galicia acaba de publicar a adxudicación de 575.000 euros en axudas a 26 festivais galegos de carácter profesional, dos cales 16 son de música e 10, de artes escénicas. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribúe así a través destas subvencións, que se conceden en réxime de concorrencia competitiva, á organización de eventos considerados estratéxicos nos seus ámbitos por impulsar a actividade cultural á vez que a económica e que forman parte das actividades que este verán promove o Goberno galego en colaboración con distintos concellos e entidades baixo o lema A cultura galega é un culturON.

Na modalidade de festivais musicais, distribúense 360.000 euros entre as 16 citas beneficiarias neste 2023. O Revenidas, que se celebrará do 7 ao 10 de setembro en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), é o encontro que recibe maior achega por parte da Xunta, que cofinancia a súa organización con 38.795 euros. Pola súa banda, o Resurrection Fest, que vén de pechar a súa 18ª edición en Viveiro, acada a segunda maior contía ao percibir 34.847 euros, seguido polo SonRías Baixas, que disporá de 33.569 euros para celebrar o seu 20ª aniversario en Bueu entre o 3 e o 5 de agosto.

O Atlantic Fest contará con 29.146 euros para celebrar en Vilagarcía de Arousa unha nova edición entre o 20 e o 23 de xullo, mentres que o PortAmérica recibe 28.703 euros para desenvolver o seu programa en Portas a vindeira fin de semana, e o 17º Festival Ribeira Sacra supera os 26.000 euros para un cartel que se espalla do 28 ao 30 deste mes en distintos escenarios ás beiras do Miño e do Sil.

A Xunta tamén apoia a través destas axudas encontros como o Festival Maré (25.866 euros), que levará a Santiago de Compostela diversas voces atlánticas entre o 20 e o 24 de setembro; o Festival de la Luz (23.731 euros), que encherá Boimorto do 25 ao 26 de agosto de propostas de diferentes xéneros, ou o WOS Festival (23.014 euros), que celebrará tamén na capital de Galicia do 14 ao 17 de setembro a súa oitava edición.

O Festival Sinsal Son Estrella Galicia (20.411 euros), que regresará un ano máis á Illa de San Simón entre o 21 e o 23 de xullo; o Vive Nigrán (15.763 euros), que levou a fin de semana pasada ata praia América os directos de Los Enemigos, Javiera Mena ou Samantha Hudson, e o Caudalfest (15.712 euros), que ofrecerá o seu cartel entre o 15 e o 16 de setembro en Lugo, tamén contarán neste 2023 co apoio da Xunta a través da convocatoria que xestiona a Axencia Galega das Industrias Culturais.

A relación de festivais beneficiarios complétase co Underfest Son EG (14.132 euros), que se celebrará en Vigo entre o 25 e o 26 de setembro; Barbeira Season Fest (13.180 euros), cita musical que se estenderá do 21 ao 24 dese mesmo mes en Gondomar; o VIII Ouren Sound Fest (9.519 euros), que levou a Calamaro e Baiuca a Bemposta en maio, e o Fisterra Blues Experience (7.589 euros), cuxa sétima edición rematou o pasado 2 de xullo.

O compromiso do Executivo autonómico co circuíto galego de encontros musicais compleméntase cos patrocinios a través de FEST Galicia, marca que procura promover o noso territorio como destino musical baixo criterios de calidade, profesionalidade e sustentabilidade.

Teatro, circo e monicreques

O Goberno autonómico contribuirá tamén economicamente coa organización de 10 festivais de artes escénicas mediante a segunda modalidade desta liña de axudas, á que destina concretamente 215.000 euros neste 2023. A 32ª edición do Festival Internacional de Teatro de Outono (FIOT), que se desenvolverá en outubro en Carballo, convértese no encontro escénico que acada a maior puntuación 2023, o cal se traduce nunha achega de 49.276 euros. A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que conclúe mañá, consegue o segundo maior volume de fondos ao percibir 35.764 euros.

A través destas axudas, a Xunta subvenciona tres festivais de teatro de monicreques: o Festival Galicreques de Santiago (31.047 euros), que se celebra en outubro; o Titiriberia de Rianxo (24.973 euros), a desenvolver na última semana de xullo, e o Festival Internacional de Títeres de Redondela (12.774 euros), cita do pasado mes de maio.
Na listaxe de beneficiarias desta modalidade tamén aparece o circo, representado polo Festaclown de Vilagarcía de Arousa (10.607 euros), que se celebrará no mes de agosto; a maxia, a través do encontro Porta Máxica de Ferrol (6.292 euros), e os monólogos, mediante a sétima edición do Singular, Festival Internacional do Monólogo Teatral que organizou en marzo o Concello de Narón (12.872 euros). Completan a relación de mostras escénicas subvencionadas o Festival Internacional de Teatro de Ourense, con 25.396 euros, e o festival Desfoga de Cambados, que consegue 5.993 euros.

A Xunta tamén completa o seu apoio a festivais de artes escénicas coa súa colaboración coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia a través dun convenio asinado co Concello no que se recoñece o seu papel singular no sistema escénico galego.

0.17925405502319