Tres concelleiros electos do BNG de Ribadeo renuncian antes da toma de posesión

AMariñaXa
Tres concelleiros electos do BNG de Ribadeo renuncian antes da toma de posesión debido a razóns políticas e non persoais
BNG ribadeo non recollen acta concelleiros 2023
17 Xuño 2023

O BNG de Ribadeo comunicou que Jorge Díaz Freije, Pilar Otero Cabarcos e Mónica Freire Rancaño non van recoller a súa acta como concelleiras e concelleiro do BNG no concello de Ribadeo e explican que "as razóns que nos levan a tomar esta determinación nada teñen que ver coa nosa vontade persoal de continuar a traballar na mellora do noso Concello, senón que se basean na perda de confianza na organización política que representamos ata o día de hoxe, e que semella non compartir connosco o obxectivo de que Ribadeo conte cun goberno nacionalista de esquerdas".

Así, valoraron o traballo dos catro anos nos que estiveron á fronte do Concello, un traballo de goberno "rigoroso, leal e comprometido cun proxecto integral de Ribadeo que se viña desenvolvendo nos últimos 16 anos".

Así, destacan os investimentos e actividades realizadas no derradeiro mandato, que requiriron dun traballo "constante" coa participación, en gran medida, da Deputación de Lugo. Apuntan a que compañeiras e compañeiros con responsabilidades de goberno nas diferentes localidades da nosa provincia acreditan este labor feito, que o trasladaron nos diferentes órganos internos do BNG.

Relación coa Executiva Nacional

Ademais, comentan que para poder seguir desenvolvendo este traballo, desde fai meses, a candidatura do BNG de Ribadeo tiña un acordo con representantes da Executiva Nacional e coa propia voceira nacional, Ana Pontón, no cal, entre outros puntos, se garantía que o deputado ou deputada provincial seguiría a ser do noso concello. "Non se trataba dunha cuestión banal nin gratuíta, senón que era unha demanda xusta e lexítima para con Ribadeo, e así o consideramos as dúas partes", argumetan.

"Unha vez coñecida na tarde de onte a decisión do Consello Nacional do BNG, sen ter en conta a vontade da propia Asamblea Comarcal da Mariña, na que a maioría das propostas feitas defenderon a continuidade da representación de Ribadeo na Deputación, non podemos máis que sentirnos enganados pola mesma organización da que levamos formando parte tantos anos".

Por isto, lamentan que "é un día moi difícil e triste para nós. Hoxe deixamos a política municipal e a militancia nacionalista de décadas nalgún caso. Hoxe tomamos a determinación de non continuar como concelleiros do BNG. Mais facémolo co sosego e fortaleza de quen fai as cousas con responsabilidade, de maneira íntegra e fieis aos seus principios. Facémolo tamén con liberdade, sen ter as mans atadas e volvendo as nosas dedicacións anteriores. E sobre todo, facémolo antepoñendo Ribadeo a todo, e tamén a todos", sentenciaron.

0.31121897697449