Tres centros educativos da provincia participarán na nova Liga Escolar de Debate

Arredor de 60 alumnos de 15 institutos públicos participan na nova Liga escolar de debate, que estrea este curso a súa primeira edición cunha representación de concellos de toda a Comunidade. Trátase dunha iniciativa que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP impulsa dentro das actuacións encamiñadas ao reforzo da competencia lectora.
A Liga escolar de debate está pensada como un foro de discusión a través do cal os estudantes poden mellorar a súa oratoria e a exposición de argumentos. Tamén promove valores como a resolución de conflitos mediante o diálogo, a cooperación, o respecto e o traballo en equipo. A iniciativa ten, de feito, un carácter formativo e non competitivo.
A preparación do debate fai necesario traballar a expresión e a comprensión, tanto oral como escrita, á vez que se desenvolve o pensamento crítico. Deste xeito, a actividade ofrece aos docentes unha ferramenta de gran utilidade para a formación integral do alumnado e para o desenvolvemento dos contidos de cada materia.
Cada centro participa cun equipo de debate, formado por catro alumnos de 3º e 4º da ESO, ou con alumnado combinado de ambos os niveis, garantindo sempre a diversidade de xénero na súa composición. A relación de centros participantes inclúe na provincia de Lugo ao IES Río Cabe de Monforte, o CPI Plurilingüe López Suárez de Friol e ao IES Dionisio Gamallo de Ribadeo.
O centro gañador da fase final da I Liga escolar de debate recibirá un recoñecemento especial polo esforzo e o traballo do alumnado. Ademais, os coordinadores da actividade e os docentes de apoio obterán un certificado de innovación educativa cunha equivalencia de 30 e 20 horas, respectivamente, de formación permanente do profesorado.
Esta acción enmárcase dentro das accións da Consellería para o reforzo da competencia lectora, para o cal se puxo en marcha o novo Plan de lectura, escritura e acceso á información, dentro do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia. Isto inclúe a implantación dun tempo de lectura diario na aula dentro da xornada lectiva dedicado a este hábito para estimular a comprensión e fomentar o pensamento crítico.
Outra das novidades é a incorporación, tamén este curso, do modelo Global Classrooms, un debate escolar en inglés impulsado por Nacións Unidas e dirixido ao alumnado de 3º de ESO, que fomenta a participación de centros a nivel nacional e internacional. Esta primeira edición ten un carácter experimental e foron escollidos oito centros.