Trece profesionais do taxi benefícianse de achegas para adquirir vehículos accesibles
Trece profesionais do sector do taxi de 12 concellos da provincia resultaron beneficiarios de achegas por un valor total de 110.000 euros para adquirir vehículos accesibles e de baixas emisións. Reciben, en concreto, nove subvencións por valor de 90.000 euros para comprar taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida, e outras cinco que suman 20.000 euros para a adquisición de vehículos pouco contaminantes.
Os beneficiarios da primeira liña de axudas son dos concellos de Viveiro, Portomarín, Cospeito, Baralla, Bóveda, Negueira de Muñiz, A Pobra do Brollón e Láncara. Os da segunda, pola súa banda, residen nos concellos de Lugo, Rábade e Monforte de Lemos. En Mondoñedo hai beneficiarios das dúas liñas de axudas.
O sector do taxi na provincia recibe estas axudas da Xunta de Galicia no marco da convocatoria do ano pasado, cando se vén de abrir unha nova convocatoria de subvencións que inclúe o financiamento para mercar vehículos accesibles (eurotaxis) así como para taxis eléctricos e híbridos ou de gas, co fin de facilitar a mobilidade coa menor contaminación posible. As axudas poden solicitarse ata mediados do vindeiro mes de outubro.
Nesta convocatoria inicial do ano 2021 destínanse 350.000 euros, que subvencionarán a adquisición de vehículos desde o comezo do mes de abril do ano pasado e ata o vindeiro mes de novembro ou ata que se esgote o crédito.