Tramitadas diferentes melloras para o porto de Ribadeo
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten comprometidas melloras para o porto de Ribadeo por importe de 200.000 euros. Así o confirmou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, esta mañá nunha visita ao porto lucense.
A representante autonómica explicou que estas instalacións atópanse incluídas no contrato que Portos de Galicia ten en fase final de licitación para a renovación de luminarias con tecnoloxía LED en diversas dársenas de todo o litoral galego. No caso do porto de Ribadeo investiranse 118.000 euros na inspección e renovación de 107 luminarias e dotaranse da tecnoloxía necesaria para permitir o seu control telemático.
Así mesmo, a presidenta de Portos explicou que este é tamén un dos portos beneficiarios do contrato global do ente público para a renovación de pavimentos deteriorados en diversas dársenas costeiras. En concreto, en Ribadeo reporase o firme na contorna do varadoiro –no porto deportivo– así como na da lonxa –na dársena pesqueira–. Esta actuación suporá un orzamento de 96.000 euros.
PLAN DE DRAGAXE
Durante a súa visita a Ribadeo, Susana Lenguas deu conta dos avances na tramitación dun proxecto de grande envergadura para a localidade como é o plan de dragaxe, que contempla a dragaxe inicial do porto para a recuperación de calado así como posteriores limpezas de mantemento. Esta obra conta cun orzamento estimado de 2 millóns de euros e o proxecto está xa redactado en fase de supervisión.
CONCELLO
O alcalde, Fernando Suárez, aproveitou para reclamarlle que Ribadeo dispoña dun plan especial de ordenación portuaria, que se instalen puntos de luz no vieiro autonómico de baixada ao porto comercial así como a modernización da rúa Buenos Aires, que tamén é titularidade de Portos de Galicia.
Suárez Barcia explicou que “é necesario que Ribadeo dispoña dun plan especial de ordenación portuaria. Hai que ter en conta que en Ribadeo afortunadamente contamos cun plan xeral de ordenación municipal, tramitado polo Concello e aprobado xa no 2015; contamos cun plan especial do conxunto histórico do casco vello de Ribadeo, tramitado polo Concello e aprobado hai 2 anos, pero non hai un plan especial de ordenación portuaria, que debe ser tramitado por Portos de Galicia en conxunción co Concello, pero debe ser impulsado por eles, e desde hai varios anos vemos que a documentación non nos chega, o que é unha pena porque mentres tanto isto non estea aprobado determinadas accións no ámbito portuario, tanto en Mirasol como en Porcillán, non se poden levar adiante. É unha magoa porque Ribadeo conta con todos os instrumentos de planeamento, aprobados e vixentes, menos este plan de ordenación portuaria. Así que pedímoslle unha vez máis que axilicen porque poucos concellos teñen todos os instrumentos aprobados e é unha pena que isto non vaia adiante”.
O alcalde ribadense tamén lle fixo chegar outras demandas á presidenta de Portos de Galicia: “por outra banda, no que ten que ver coa baixada ao porto comercial, este vial autonómico non ten luz, o que é unha demanda de moitos veciños que transitan por alí de noite e faise perigoso; por iso pedímoslles que incorporen unha serie de puntos de luz. Tamén lles solicitamos que procedan a modernizar a rúa Buenos Aires, que tamén é titularidade de Portos de Galicia, non do Concello de Ribadeo; polo tanto conviña, igual que viñemos facendo nosoutros no ámbito urbano nestes últimos anos mellorando e humanizando as rúas, que nesta, que é de Portos de Galicia, tamén se aplicaran o conto e intentaran darlle un cambio substancial; de seguro que os veciños e veciñas dese entorno o ían agradecer moito”.