Traballadores de Gestagua fan unha doazón ao banco de alimentos de Foz

Foz
TerraChaXa | AMariñaXa
2 Xan 2021

A empresa Gestagua non celebrou este ano a súa habitual comida de Nadal na súa sede de Madrid e decidiu doar o seu importe, 2.000 euros, ao Banco de Alimentos de Foz. A entrega foi realizada á concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, polo delegado en Galicia da firma, José Rey, e o xefe de servizo en Foz, Ramón Hernando.

Este ano Gestagua decidiu non celebrar a habitual comida de Nadal na súa sede, en Madrid, e acordou doar o importe da mesma a unha organización sen ánimo de lucro dalgún dos municipios nos que opera en España. Foron finalmente os propios traballadores os que elixiron ao Concello de Foz, concretamente ao seu Banco Local de Alimentos, entre outras razóns como xesto de solidariedade cunha comarca que vive unha gran incerteza como consecuencia da situación de Alcoa (Foz é a única explotación de Gestagua na Mariña) e como mostra de compromiso da empresa con esta localidade e co seu futuro.

Gestagua tamén lembra que Foz foi unha das primeiras localidades do país, xunto outros concellos da comarca, que tivo que confinarse pouco despois do levantamento do Estado de Alarma, o que provocou unha ola de solidariedade dentro da empresa coa súa poboación máis vulnerable, pois Foz é unha das explotacións históricas de Gestagua en Galicia e coas que mantén un vínculo máis estreito.

A concelleira de Servizos Sociais encomia o xesto dos traballadores e da empresa Gestagua co Banco de Alimentos focense. “É tempo de solidariedade e todo esforzo é imprescindible”, destaca Ana Rojo.

0.12857985496521