Trabada solicita unha subvención para mellorar a eficiencia enerxética do albergue municipal de San Xiao

O Concello de Trabada vén de solicitar unha nova subvención á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para levar a cabo melloras na eficiencia enerxética da antiga escola de Sante, onde actualmente se sitúa o albergue municipal de San Xiao e unha vivenda de alugueiro social reformada o pasado ano.
O proxecto presentado inclúe actuacións clave como a renovación de ventás e portas, ademais da instalación dun sistema de illamento térmico na fachada, cun investimento previsto de preto de 60.000 euros.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia desta subvención para seguir avanzando na optimización dos edificios municipais: "Agardamos conseguir esta axuda para continuar mellorando as nosas instalacións. Esta actuación súmase ás xa realizadas neste inmoble, como a construción do albergue municipal na planta baixa ou a reforma integral da vivenda na planta superior o pasado ano".
Actualmente, a vivenda situada na antiga escola de Sante está ocupada por unha familia do municipio que perdeu a súa casa nun incendio. "Por iso, seguimos traballando no proxecto de reforma e habilitación das nosas instalacións para destinalas a alugueiro social ou para atender calquera situación de emerxencia que poida xurdir no noso concello", subliñou o rexedor.
Con esta nova solicitude de subvención, o Concello de Trabada reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas municipais, garantindo así un mellor servizo e condicións de vida para os seus veciños e veciñas.