Trabada solicita unha axuda para crear novos espazos verdes e mellorar o complexo deportivo

AMariñaXa
O proxecto, cun orzamento de 75.000 euros, inclúe zonas de sombra e un peche natural para o campo de bolos
COMPLEXO-DEPORTIVO-TRABADA
26 Feb 2025

O Concello de Trabada vén de solicitar unha axuda á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia para a creación de novos espazos verdes e melloras no complexo deportivo municipal. O proxecto presentado, que ascende a 75.000 euros, contempla a instalación de pérgolas con cuberta vexetal e a creación dun peche natural para o campo de bolos tradicionais.

O alcalde, Rubén García, explicou os detalles da solicitude: “Esta subvención que nos permitirá mellorar a comodidade do complexo deportivo, proporcionando zonas de sombra e descanso para veciños e visitantes”.

Esta nova actuación reforza a aposta do Concello por ampliar e modernizar os servizos deste recinto deportivo, onde xa se construíron unha pista de pádel, unha pista multideporte, un campo de bolos tradicionais e unha tirolina infantil. Ademais, nos próximos meses iniciaranse as obras dun circuíto de bicicletas pump track e está prevista a instalación dun tobogán infantil.

O rexedor destacou a importancia de aproveitar as oportunidades de financiamento das distintas administracións: “Desde o Concello de Trabada solicitamos todas as axudas para as cales cumprimos os requisitos, co obxectivo de seguir executando proxectos que melloren o noso municipio”.

Con esta nova iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas locais e coa creación de espazos de lecer de calidade para a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.12213897705078