Trabada segue a apostar polo sendeirismo coa ruta Fórnea-Valboa

AMariñaXa
A actividade combina deporte, patrimonio e convivencia veciñal dentro do programa “Coñece Trabada”
concello-trabada-casa-consistorial-2022
29 Sep 2025

O Concello de Trabada, en colaboración coa asociación de sendeirismo Trabada Paso a Paso, continúa co programa “Coñece Trabada”, que busca fomentar o coñecemento do territorio e a participación cidadá. A seguinte proposta é unha ruta a pé entre Fórnea e Valboa, programada para o domingo 12 de outubro, cun percorrido de 10 quilómetros e dificultade media.

Ao longo da xornada, os participantes poderán visitar lugares emblemáticos como o Marco da Pena Verde, as Mámoas das Pallaregas e a Capela de San Fernando. A actividade rematará cunha comida de confraternidade na antiga escola de mestres de Valboa, fomentando a convivencia e o intercambio entre veciños e visitantes.

A saída está prevista ás 10:00 horas desde a Praza do Concello de Trabada, cun prezo de 8 euros por persoa. As inscricións poderán realizarse ata o 7 de outubro nas oficinas municipais ou chamando ao 982 135 011. O uso de chaleco reflectante será obrigatorio durante toda a ruta.

O alcalde, Rubén García, destacou que “seguimos apostando pola colaboración entre o Concello e as asociacións do municipio para ofrecer unha programación variada e atractiva durante todo o ano. Neste caso, unha actividade deportiva que combina sendeirismo, posta en valor do patrimonio e convivencia veciñal”.

Con esta iniciativa, o Concello e a asociación Trabada Paso a Paso reforzan a súa aposta pola dinamización social e cultural do municipio, incentivando a práctica do deporte, a difusión do patrimonio local e a interacción entre a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.09301495552063