Trabada: ruta do vento
As excelentes vistas dos vales circundantes ábrense paso entre os bosques autóctonos de carballos, madroños, acivros e abeleiras.
Trabada conta con numerosas rutas de sendeirismo polas súas fragas de singular beleza natural. Un pequeno e único territorio, que agarda silencioso que o visitante se achegue e desfrute das súas múltiples riquezas e experiencias, onde se impregnará do paraíso en estado puro. A riqueza deste pobo, Trabada, pódese ver, escoitar, ulir, tocar e saborear. Un dispendio de sensibilidade para os sentidos… Afínaos, porque en Trabada a natureza móstrase na súa máxima expresión.
Esta ruta é moi sinxela, discorre na súa totalidade por pistas existentes, de escasa pendente. Ademais da fascinante paisaxe, pódese desfrutar de impresionantes vistas panorámicas dende o alto de Cerrochán, o punto máis alto do Concello (776 m.), así como dunha explotación mineira a ceo aberto. É ideal para un percorrido en bicicleta ou a cabalo, aínda que non ten unha lonxitude excesiva para poder realizarse camiñando.
Comeza na Área Recreativa Chao do Couso que conta cunha ponte, varias mesas e un refuxio. Séguese pola estrada de Riotorto aproximadamente uns 300m para logo desviarse á esquerda por un camiño que nos levará ata o alto do Cerrochán, onde se pode desfrutar dunha excelente vista dos vales de Trabada.
Continuando, avístase un arboredo que envolve ao visitante ofrecendo unha sensación de tranquilidade, ao observar a ambos lados do camiño magníficas fragas conformadas por unha diversidade de especies. Seguindo o camiño, atópase un pequeno agasallo da natureza en forma de cascada e unha fonte. Continuando o camiño, rodeados pola Fraga da Cabanela, chégase a un punto en onde se une coa ruta da Fraga da Vilapena, dese punto sae un ramal á dereita para deleitarse cunha vista panorámica espléndida da Fraga de Vilapena e de Vilaformán, que poderemos alcanzar opcionalmente, unha media hora máis, entre ida e volta.
Unha vez visto o panorama, tomarase o camiño de regreso ata o punto de partida. Parte deste último tramo é compartido co da ruta da Fraga de Vilapena, conta cun refuxio de madeira e pódese observar a gran diversidade de especies: erbedeiros, acivros, castiñeiros… ata o punto no que gradualmente cambia a paisaxe e o sendeiro ábrese a unha paisaxe transformado pola man do home, onde destacan masas de coníferas, e entre elas o pino silvestre. Así, e case sen darse conta, o visitante acaba o percorrido.