Trabada: Ruta da Fraga da Vilapena

AMariñaXa
O percorrido de dificultade media-baixa permite achegarse ao patrimonio natural da aldea protagonizado pola diversidade arbórea
ruta_a_fraga_da_vilapena3
16 Xuño 2024

Esta ruta atravesa a Fraga de Vilapena, de incalculable valor patrimonial, que constitúe o exemplo vivo máis representativo da paisaxe que conformaba na antigüidade Galicia desde o litoral ata os 1500 metros de altitude. Caracterízase pola gran diversidade e pola presenza de érbedos nun tramo do percorrido.

O itinerario comeza antes de adentrarse no núcleo de Vilapena, xunto a unha curva da entrada, na que se atopa o aparcadoiro e o panel informativo da ruta. Desde este punto, continúase pola estrada para atravesar o pobo ata alcanzar a igrexa, na que chama a atención o seu famoso retablo barroco, saímos da aldea e dirixímonos ata a fraga. Durante o percorrido, coñécese parte do patrimonio tradicional formado por hórreos e edificacións en pedra.

A ruta ofrécelle ao camiñante dúas opción: adentrarse na fraga tomando unha pista á dereita ou continuar de fronte 2 quilómetros seguindo pola pista ata o alto da Pena de Gorro para gozar dunha panorámica do val de Vilaformán e Vilapena e da paisaxe típica das montañas próximas á Mariña. Tamén se poderá contemplar unha carboneira, xa que o carbón, xunta coa leña, era o produto que máis utilizaban os lucenses nos seus fogares antes da irrupción dos novos combustibles. Neste oco na terra, metían a madeira, tapábana e levaban a cabo a combustión ata que o material quedaba convertido en carbón.

Despois dun pequeno descanso e de observar unha pequena fervenza nun afluente do Vilaformán, regresamos polo camiño para para orientarnos  cara ao oeste e chegar á bifurcación da opción do percorrido curto. Tómase a mesma pista, situada á esquerda, e aos poucos volvemos achegarnos á fraga.

Compróbase que o gran protagonista do lugar é o carballo, acompañado por outras especies como o acivro, o érbedo ou os arandos. Se decidimos realizar o camiño nos meses máis fríos, poderase saborear o saboroso froito dos érbedos. O camiño vaise facendo pouco a pouco máis sinuoso e escarpado, ata desembocar nun punto onde se cruza o regato de Vilaformán, famoso antiguamente pola pesca de troitas A contorna acaba na zona de aparcamento desde l saída da fraga por unha pista forestal.

0.20773887634277