Trabada renova o alumeado público en cinco núcleos rurais grazas a unha nova achega de 32.000 euros

O Concello de Trabada dá un novo paso no seu camiño cara a un modelo de xestión máis sostible e respectuoso co medio ambiente coa posta en marcha dun proxecto de renovación do alumeado público nos núcleos de O Vilar, Trabada, Vidal, Vilarbetote e Vilafernando. A intervención será posible grazas á obtención dunha axuda pública de 32.000 euros, que permitirá acometer melloras importantes nestas zonas do termo municipal.
O orzamento total do proxecto ascende a 51.608,25 euros. Deles, 32.000 proceden da subvención concedida, mentres que os 19.608,25 euros restantes serán cubertos con fondos propios do Concello, nun esforzo económico que pon de manifesto o compromiso do goberno local co desenvolvemento sostible do territorio.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia desta nova actuación: “Seguimos traballando para facer de Trabada un concello máis eficiente e sostible. Este tipo de investimentos contribúen a reducir o consumo eléctrico, melloran os servizos públicos e axudan a coidar do noso entorno”, indicou.
A renovación do alumeado permitirá substituír as luminarias actuais por outras máis modernas e de baixo consumo, o que non só reducirá a factura eléctrica municipal, senón que tamén contribuirá a diminuír a pegada ambiental da localidade. García subliñou ademais que esta mellora repercutirá directamente na calidade de vida da veciñanza das parroquias implicadas.
Con esta actuación, o Concello de Trabada continúa a súa liña de traballo centrada na eficiencia enerxética, o aforro de recursos públicos e a modernización das infraestruturas municipais, especialmente nas áreas rurais, onde é fundamental garantir a igualdade no acceso a servizos de calidade.