Trabada renova estradas e impulsa o deporte con novas instalacións

O Concello de Trabada vén de rematar os traballos de mellora en varias estradas municipais nas parroquias de Vilaformán e Sante, dentro do plan de mellora de infraestruturas locais impulsado polo goberno municipal. Estas actuacións leváronse a cabo grazas a un convenio asinado coa Deputación de Lugo cun orzamento total de 105.000 euros.
Ademais das melloras viarias, nas próximas semanas dará comezo a construción dun circuíto de pump track para bicicletas e monopatíns no complexo deportivo de Trabada, unha nova infraestrutura que ampliará a oferta deportiva do municipio e fomentará a práctica de actividades ao aire libre. Paralelamente, tamén se instalará un tobogán dentro do plan de melloras no complexo deportivo, reforzando a aposta do Concello por espazos de lecer e recreación para todas as idades.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia destes proxectos para a veciñanza: “Seguimos a traballar para mellorar as nosas vías de comunicación e para dotar a Trabada de novas infraestruturas que potencien a práctica do deporte, algo fundamental para os nosos veciños e veciñas”. Tamén quixo agradecer a colaboración da Deputación de Lugo: “Queremos expresar o noso agradecemento pola súa implicación e apoio a estas actuacións, que foron posibles grazas ás xestións realizadas polo equipo de goberno”.