Trabada rende homenaxe a José Rocha, impulsor do centro etnográfico local

O Concello de Trabada expresou o seu profundo pesar polo falecemento de José Rocha Gasalla, veciño do municipio e peza fundamental na conservación do patrimonio local. Grazas á súa xenerosa doazón, que inclúe máis de mil pezas históricas, o centro etnográfico que leva o seu nome converteuse nun espazo único para preservar as raíces agrícolas, gandeiras e culturais da comarca.
O alcalde, Rubén García, destacou o compromiso de José Rocha coa súa terra e agradeceu publicamente o seu labor desinteresado: “Este museo é un legado que honra o pasado do noso concello e que permanecerá para sempre entre nós”. A colección amosa unha ampla variedade de obxectos, desde ferramentas tradicionais, maquinaria e mobles ata libros do século XVI, obxectos relixiosos, roupa antiga e a recreación dunha escola tradicional.
Desde o Concello de Trabada envían o seu máis sentido afecto á familia e amigos de José Rocha, e subliñan a importancia do seu xesto para manter viva a memoria e identidade da zona.