Trabada reivindica a artesanía tradicional co I Encontro de Cestería da Vilapena

O Concello de Trabada organiza o vindeiro domingo 22 de marzo o I Encontro de Cestería da Vilapena, unha xornada dedicada a poñer en valor a artesanía tradicional e a recoñecer o labor das persoas que, ao longo dos anos, mantiveron vivo este oficio ligado á identidade do rural. O evento desenvolverase ao longo de todo o día cunha programación pensada para todos os públicos.
A mañá abrirase cun obradoiro práctico de cestería, que se celebrará entre as 11:00 e as 13:00 horas e para o que é necesaria inscrición previa no Concello de Trabada ou a través do teléfono 982 13 50 11. Paralelamente, haberá demostracións en directo a cargo de Lola Tourón, Asunción Trigo e José M. Ginzo, nomes destacados neste ámbito artesanal. Ás 12:30 horas está prevista a actuación da Asociación Amigos da Gaita Galega, que porá a nota musical á xornada.
Un dos momentos centrais do encontro chegará ás 13:00 horas, coa homenaxe a Jorge da Vilapena, un dos últimos cesteiros da parroquia e figura protagonista do cartel desta primeira edición. Durante toda a xornada, as persoas asistentes poderán visitar unha exposición de pezas elaboradas na Vilapena, así como postos de venda de produtos de proximidade.
A programación continuará cun vermú tradicional e cunha comida popular no Teleclub da Vilapena ás 15:00 horas. Os tickets estarán á venda ata o 13 de marzo no Supermercado Onda de Trabada e nas oficinas municipais. O menú inclúe entremeses, tenreira guisada, tarta de Santiago, viño, refrescos, auga e café, cun prezo de 25 euros para adultos e 15 euros para nenos e nenas de entre 3 e 10 anos. A xornada pecharase ás 17:00 horas co remate dos cestos.
O alcalde de Trabada, Rubén García, subliñou a relevancia desta iniciativa para preservar a identidade local, destacando que a cestería “forma parte da nosa historia e do noso patrimonio cultural”. O rexedor puxo tamén en valor a figura de Jorge da Vilapena, ao que definiu como “un exemplo do saber tradicional, do esforzo e do amor pola artesanía”. Desde o Concello animan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nun encontro que combina cultura, tradición e convivencia.