Trabada rehabilita a antiga escola de Valboa para vivenda social

O Concello de Trabada vén de rematar as obras de rehabilitación da antiga escola de Valboa, un proxecto que contou cun investimento total de 52.631,56 euros, dos cales 43.054,9 euros foron achegados polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e 9.576,59 euros financiados con fondos propios municipais.
O inmoble, completamente renovado, destinarase agora a vivenda de alugueiro social, seguindo a liña de actuación do Concello para poñer en valor o seu patrimonio municipal e ofrecer novas oportunidades de acceso á vivenda en condicións asequibles.
O alcalde, Rubén García, destacou que “con esta actuación seguimos avanzando no noso compromiso de recuperar e dar uso ás antigas escolas e outros edificios municipais, destinándoos a vivenda social para veciños e veciñas con necesidades habitacionais”.
Ademais, explicou que nas próximas semanas abrirase o prazo de solicitudes para optar a esta nova vivenda, que se suma ás xa rehabilitadas en Sante, Vilapercide, Vidal e Trabadela, todas actualmente habitadas.
O rexedor subliñou que o Concello continuará nos próximos anos con novas rehabilitacións deste tipo, contribuíndo á dinamización do rural, ao aproveitamento do patrimonio público e á fixación de poboación no municipio.