Trabada reforza a súa rede viaria rural cun novo investimento de máis de 76.000 euros

O Concello de Trabada segue a dar pasos firmes na modernización das súas infraestruturas rurais. A través dunha nova achega de 59.102 euros concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco do Plan Camiña Rural 2025–2026, poderanse acometer melloras en varios camiños que conectan núcleos de poboación e áreas agrarias.
As actuacións previstas centraranse nos lugares de Pacios, A Retorta, Follabal e Val das Eguas, onde se renovará o firme, reforzarase a seguridade viaria e facilitarase a accesibilidade para residentes e vehículos agrícolas. O investimento total ascende a 76.020,56 euros, dos que o Concello achegará 16.918,56 euros con fondos propios.
O alcalde, Rubén García, valorou moi positivamente a concesión desta axuda: “Esta nova achega permitiranos seguir actuando sobre camiños esenciais para a mobilidade da veciñanza, facilitando a actividade económica e garantindo servizos básicos nas nosas parroquias”. O rexedor destacou que se trata dunha intervención estratéxica para combater o despoboamento e mellorar a calidade de vida da poboación.
“O noso compromiso co rural é firme e constante. Continuaremos traballando para que todas as parroquias conten con vías de comunicación seguras e en bo estado”, sinalou García, quen tamén puxo en valor o papel que desempeña Agader ao apoiar proxectos que favorecen o desenvolvemento territorial equilibrado.
Esta nova actuación enmárcase dentro dun plan máis amplo do Concello de Trabada, que leva anos impulsando a rehabilitación e modernización da rede viaria rural como un alicerce fundamental para un rural vivo, accesible e sustentable.