Trabada reclama ampliar a cobertura móbil en Fórnea para garantir un servizo equitativo a toda a veciñanza

O Concello de Trabada volveu reclamar unha ampliación da cobertura móbil na zona de Fórnea, reiterando ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e as compañías Telefónica España e Orange a petición xa presentada no pasado mes de abril. A solicitude busca que estas operadoras poidan facer uso da antena de telecomunicacións instalada nesta localidade, que desde marzo só ofrece servizo a través da rede de Vodafone.
A posta en funcionamento desta antena supuxo un avance significativo para as comunicacións no rural trabadense, pero a súa limitación a un único operador impide que moitos veciños e veciñas con contratos doutras compañías dispoñan de cobertura, o que mantén a brecha dixital nunha parte do territorio.
Desde o Concello considérase fundamental que se promovan as xestións necesarias para o uso compartido da infraestrutura, tal e como recolle a comunicación oficial da AMTEGA, co obxectivo de garantir un acceso igualitario á conectividade móbil e evitar desigualdades entre usuarios segundo a empresa coa que teñan contratado o servizo.
O alcalde, Rubén García Freije, explicou que “non é razoable que, tendo xa instalada unha antena operativa, só unha parte da poboación poida beneficiarse dela. O noso obxectivo é que todos os veciños e veciñas de Trabada teñan cobertura, sexa cal sexa a compañía coa que traballen”.
García subliñou ademais que “a conectividade segue a ser unha prioridade para o noso goberno, especialmente nas parroquias rurais, onde dispoñer de boa cobertura e acceso a internet é esencial para a calidade de vida, o emprendemento e o desenvolvemento local”.
O Concello manifestou tamén a súa plena disposición para colaborar coa AMTEGA e coas operadoras implicadas, co fin de que a antena de Fórnea poida ser aproveitada na súa totalidade e contribúa a mellorar as comunicacións en todo o municipio.