Trabada reclama á Xunta cobertura sanitaria estable e critica a falta de médicos no municipio

O Concello de Trabada trasladou formalmente á Consellería de Sanidade a súa preocupación pola carencia de cobertura médica no municipio, unha realidade que o alcalde, Rubén García Freije, considera “grave e insostible” e que require medidas urxentes. Así o expresou nunha carta remitida hoxe ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
O rexedor lembra que Trabada conta cunha poboación de arredor de 1.100 habitantes, cunha porcentaxe elevada de persoas maiores de 65 anos, ademais dun centro de maiores no que 39 usuarios precisan asistencia médica frecuente. “Estamos a falar dunha veciñanza que demanda atención continua e que non pode quedar desprotexida”, advertiu García.
Na misiva, o alcalde denuncia que tras a xubilación de dous médicos de familia a finais de 2023, a atención primaria recaeu nun único profesional, sen que a Xunta cubrise as prazas vacantes. Esta situación, segundo explicou, converteuse en habitual: cada vez que o facultativo titular falta por vacacións ou outras razóns, o municipio queda practicamente sen servizo médico.
Durante as últimas semanas, a ausencia do doutor deixou o centro sen consulta en horario de mañá, quedando reducido o servizo a catro horas nalgunhas tardes. “Non se atenden urxencias, non se realizan visitas a domicilio e os veciños quedan desamparados cando máis o necesitan”, lamentou o alcalde, quen tamén criticou o “despilfarro económico” que supón contratar persoal de enfermaría para cubrir turnos incompletos e improvisados.
García cualificou a situación de “vergonzosa e incomprensible” e esixiu á Consellería que se cubra de inmediato a praza de médico de familia xubilado a xornada completa, garantindo a presenza de dous profesionais no centro de saúde de Trabada, así como a cobertura nos períodos vacacionais.
“O Concello está disposto a colaborar en todo o que sexa necesario”, engadiu o rexedor, quen deixou claro que “non imos calar ante unha situación que pon en risco a saúde da nosa veciñanza. No rural tamén temos dereito a uns servizos sanitarios dignos e de calidade”.