Trabada propón a creación dun albergue municipal para peregrinos no núcleo urbano

O Concello de Trabada deu un novo paso para impulsar o Camiño do Norte ao seu paso pola vila. A administración local vén de solicitar unha reunión co director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, para analizar a posibilidade de crear un albergue municipal de peregrinos no centro urbano.
A proposta céntrase na rehabilitación dun inmoble de titularidade pública que actualmente permanece en desuso: a antiga Cámara Agraria. Trátase dun edificio situado nun punto privilexiado, xa que o trazado oficial do Camiño pasa xusto diante da súa fachada. Ademais, atópase a escasos metros do Museo Etnográfico Xosé Rocha, o que permitiría articular un espazo cultural e turístico de interese dentro do propio núcleo.
A etapa que enlaza Vegadeo con Mondoñedo abrangue 38 quilómetros, e Trabada queda situada exactamente no centro do percorrido, a 18,5 km da primeira localidade e a 19,5 km da segunda. “Resulta fundamental contar cun albergue municipal, de xestión pública, que facilite o descanso e faga máis sostible unha das etapas máis longas e esixentes do Camiño”, sinalou o alcalde, Rubén García Freije.
O rexedor lembrou que xa en decembro de 2024 se solicitara a colaboración da Axencia de Turismo, tras unha reunión mantida en Santiago, mais ante a ausencia de resposta o Concello optou por presentar agora unha alternativa máis económica. Para iso encargouse un proxecto técnico que recolle as actuacións necesarias para adaptar a antiga Cámara Agraria como aloxamento para peregrinos.
“O obxectivo é claro: aproveitar un inmoble municipal sen uso e poñelo ao servizo tanto da veciñanza como dos camiñantes, reforzando a relevancia do Camiño do Norte como motor de dinamización turística e económica”, engadiu García Freije.
Desde o Concello de Trabada destacan a súa disposición a traballar da man da Axencia de Turismo de Galicia e doutras administracións para materializar proxectos que redunden en beneficio do municipio e melloren a calidade de vida dos seus habitantes.