Trabada promove un curso de fitosanitarios para reforzar a capacitación do sector primario

O Concello de Trabada impulsa un curso de manipulador de produtos fitosanitarios de nivel básico, organizado en colaboración con ARA Formación, que se celebrará do 15 ao 20 de setembro en horario de tarde, de 16:00 a 21:00 horas. Trátase dunha formación presencial de 25 horas de duración, cun custo de 90 euros por persoa.
As inscricións poden formalizarse ata o 5 de setembro a través dos teléfonos 886 203 763 e 698 190 633 ou ben mediante os correos electrónicos vera@araformacion.es e conchi@araformacion.es.
Este curso está especialmente orientado a quen precise obter a certificación oficial que autoriza o uso seguro de fitosanitarios, unha esixencia cada vez máis estendida no sector agrícola e forestal.
O alcalde de Trabada, Rubén García, puxo en valor a utilidade desta iniciativa: “animamos a participar porque supón unha oportunidade de mellora profesional e de adaptación á normativa. Apostamos por traer accións formativas que repercuten directamente na veciñanza e no desenvolvemento económico da nosa terra”.
Con esta programación, o Concello reafirma a súa aposta pola formación continua e polo respaldo ao sector primario, clave na economía da comarca.