Trabada promove un coloquio para achegar á veciñanza a realidade da cooperación en África

AMariñaXa
O encontro, organizado polo Fondo Galego de Cooperación, celebrarase este venres e achegará testemuños directos de misións humanitarias en países africanos
que-raio-fai-o-meu-concello-en-africa
9 Dec 2025

O Concello de Trabada celebrará este venres, 12 de decembro, ás 12:00 horas, un coloquio na Casa da Cultura baixo o título “Que raio fai o meu concello en África?”. A proposta, impulsada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade —co que o municipio mantén unha colaboración constante— busca explicar dun xeito didáctico e próximo como contribúen as administracións locais galegas ao desenvolvemento noutros continentes.

A sesión contará coa presenza de persoas que participaron en misións internacionais en varios países africanos. Estes convidados relatarán a súa vivencia directa sobre a situación social, económica e humanitaria das zonas nas que traballaron, ao tempo que detallarán o papel que desempeñan os concellos galegos a través dos programas de cooperación exterior.

O alcalde de Trabada, Rubén García, subliña que se trata dunha cita “aberta á cidadanía e especialmente útil para comprender de primeira man como viven outras comunidades e que efecto real teñen os proxectos solidarios impulsados desde concellos pequenos como o noso”. Engadiu ademais que, para o goberno local, “a cooperación internacional continúa a ser unha prioridade, porque contribúe a mellorar a vida de persoas que afrontan situacións moi difíciles e con escasos recursos”.

Con esta iniciativa, o Concello de Trabada reafirma o seu compromiso cos valores da solidariedade, a educación global e a sensibilización social, promovendo unha visión máis ampla dos retos que aínda persisten noutros territorios do planeta.

⚙ Configurar cookies
0.082720041275024